Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O novo director é natural de Bandeira // A agrupación municipal retomou a súa actividade despois dun parón de case dous anos // Está formada por 35 persoas de entre catorce e 27 anos TEXTO Manuel Boo

Javier Penido xa empuña a batuta da Banda de Música de Caldas

A Banda de Música Municipal de Caldas de Reis retomou a súa actividade pública hai pouco máis dunha semana cun concerto de presentación do novo director, Javier Penido, e xa traballa en novos concertos para o resto do ano. O concerto celebrouse no colexio San Fermín xa que a choiva impediu a súa celebración nas Palmeiras e foi o primeiro despois do parón de case dous anos provocado pola covid-19.

A Banda Municipal foi creada inicialmente pola Escola Municipal de Música de Caldas coa Asociación Cultural Mariñoleira hai máis de quince anos, e precisamente neste mes de agosto renovou tamén a súa xunta directiva, agora presidida pola concertino e membro da agrupación musical Adriana Rodríguez Souto, que destaca a xuventude da maioría dos seus membros, que teñen entre 20 e 22 anos. A Banda está actualmente integrada por unhas 35 persoas, maioritariamente cun perfil moi xove de entre 14 e 27 anos.

O novo director foi seleccionado en agosto despois dunha convocatoria pública e un proceso selectivo. Javier Penido, natural de Bandeira (Silleda), é graduado en clarinete e dirección de orquestra polo Conservatorio Superior da Coruña e amosa a súa satisfacción polo concerto de presentación e destaca que “a Banda de Caldas é un grupo moi bo e cohesionado, que permitirá medrar musicalmente, ao tempo que queremos integrar novos cativos para seguir avanzando no futuro”.

Javier Penido aposta por “unha mestura entre as composicións máis clásicas e o novo repertorio que se fai actualmente”. Tamén valora moi positivamente as novas instalacións onde realizan os ensaios no edificio da Escola Municipal de Música, construído polo Concello coa financiación da Deputación de Pontevedra.

A presidenta da Asociación Cultural Mariñoleira, Adriana Rodríguez Souto, proponse garantir a continuidade e seguir traballando para “crear a unión da Banda co pobo de Caldas e o concerto do pasado sábado permitiu constatar o apoio do público polo reinicio das actividades da Banda e pola súa gran sonoridade”.

Ademáis, destaca a ilusión dos músicos polos vindeiros compromisos: “A Banda xa está traballando para os próximos concertos de Santa Cecilia e de Nadal, e esperamos continuar participando en diversos certames e nos campamentos musicais no verán, ademais do Festival de Bandas programado en Caldas para o mes de xullo”.

O alcalde, Juan Manuel Rey, que asistiu xunto a diversos membros da Corporación Municipal ó concerto de presentación da nova batuta da agrupación musical caldense, amosou o seu entusiasmo polo concerto e felicitou á directiva entrante da Asociación e ao novo director da Banda, garantindo todo o apoio do Concello a través da programación cultural e dos acordos directos coa Asociación Cultural Mariñoleira.

25 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.