Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Baio. Percorre igrexas, pedras máxicas, pontes, pazos, faros e praias // Forma parte xa das rutas literarias do Consello da Cultura Galega // Nace para divulgar a figura do escritor baiés e reivindicar para el o Día das Letras Galegas TEXTO José Manuel Ramos

Labarta Pose guía coa súa obra un roteiro pola Costa da Morte

O escritor e xornalista baiés Enrique Labarta Pose (1863-1925) recobra vida a través da súa obra para guiar un roteiro literario pola Costa da Morte que foi presentado este sábado en Baio, a súa vila natal. Un percorrido que pasa a formar parte dos roteiros deseñados polo Consello da Cultura Galega, que son xa 31.

Trátase dunha iniciativa impulsada polo Concello de Zas coa que se pretende difundir e dar a coñecer a obra do autor baiés e, ao mesmo tempo, reivindicar para el a concesión do Día das Letras Galegas.

Bautizado como Roteiro Literario Enrique Labarta Pose na Costa da Morte, o itinerario, que suma 250 quilómetros, está pensado para ser percorrido en dúas etapas, ao longo das cales o visitante poderá descubrir e coñecer preto vinte e tres espazos que teñen un protagonismo especial na vida e obra do escritor.

O detalle da ruta pode consultarse ou descargarse na web roteiros.culturagalega.gal. O punto de partida é o centro sociocultural de Baio, onde pode contemplarse a exposición permanente adicada a Labarta Pose, e o percorrido transcorre polos concellos de Zas, Vimianzo, Camariñas, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Corcubión, Carballo e Muxía. Un traxecto que achegará ao visitante a igrexas, pedras máxicas, pontes antigas, patrimonio etnográfico, pazos, impoñentes faros e praias, segundo explicou a técnica de Turismo de Zas, Tania Carreira, deseñadora da citada ruta.

Este tipo de roteiros nacen “para facer comprensible a obra dos escritores en relación co territorio”, afirmou Manuel Gago, director da plataforma culturagalega.org, do Consello da Cultura Galega. Rosario Álvarez, presidenta desta institución, subliñou o empeño da entidade en traballar “a prol de que se entenda que a cultura é un dereito, e para todos por igual”. Tamén destacou as múltiples iniciativas que se desenvolven neste recuncho atlántico “e queremos ver Galicia enteira empedrada do dinamismo cultural que se vive na Costa da Morte”, afirmou.

O baiés Jorge Mira, catedrático do departamento de Física da USC e presidente da Comisión Enrique Labarta Pose, constituída en 1998 e da que forman parte todas as asociacións de Baio, fixo unha semblanza de Labarta Pose, destacando a súa ampla e variada obra “que inclúe narrativa, poesía e teatro, algo que non era habitual na cultura do século XIX”, ao tempo que resaltou o seu “pensamento moderno, pois foi pioneiro na súa época na defensa das mulleres e dos animais”.

Mira subliñou ademais que a súa obra trascende máis alá de Galicia e defendeu que “Labarta Pose sería unha moi digna figura para o Día das Letras Galegas”.

Unhas louvanzas que compartiu o tamén baiés Ricardo García Mira, presidente do Instituto de Estudos e Investigación Psicosocial Xoán Vicente Viqueira, sinalando que Labarta “foi un home adiantado á súa época, defendendo o galego e á muller nun momento no que non era doado”. García lembrou a importancia de recuperar referencias culturais “pero aínda o é máis darlle visibilidade”. Ese foi precisamente un dos obxectivos da proposición que, na súa etapa como deputado, presentou no Congreso, onde se acordou por unanimidade divulgar as figuras de Pondal e Labarta Pose.

O protagonista
“É unha feliz idea conxugar literatura e paisaxe”
Manuel Muíño
Alcalde de Zas

O alcalde, Manuel Muíño, asegurou que “é unha feliz idea a de conxugar a literatura coa nosa paisaxe” e agradeceu o arduo labor de todos os que fixeron posible este roteiro. Máis alá de que se lle adique ou non o Día das Letras Galegas a Enrique Labarta “a meta fundamental é dar a coñecer a súa figura e obra”, recalcou. Nese senso, destacou o labor altruísta de investigadores como Xosé Manuel Varela, Xosé María Lema, Xosé María Rei e Evaristo Domínguez, entre outros.

{ Pasaba por aquí }
Figuras de referencia
Manuel Lavandeira

A presidenta do Consello da Cultura Galega instou en Baio a traballar pola igualdade do acceso á cultura, non como un complemento, senón como un dereito que todos temos. Unha das formas de universalizar ese dereito é achegando a cultura a todos os colectivos e lugares e, sen dúbida, iniciativas como o roteiro literario impulsado polo Concello de Zas vai nese camiño. A figura e obra de Labarta Pose estivo ata non hai moito tempo esvaecida, e a súa importancia non foi debidamente valorada e recoñecida. Iso cambiou dende que as asociacións de Baio se uniron nunha comisión para rescatar o legado cultural dun veciño ilustre ao que, pouco a pouco, están dando a visibilidade e o recoñecemento que a súa obra merece.

13 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.