Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Os responsables municipais repartirano entre a veciñanza // É unha homenaxe ao artista no ano no que a Xunta, a Real Academia de Belas Artes e o Concello adican unha programación especial para dar a coñecer a súa vida e traxectoria TEXTO S, E.

Lalín inclúe no calendario de 2022 ós cabezudos de Laxeiro

O Concello de Lalín inicia o reparto nestas datas de Nadal do calendario municipal para o ano 2022 que habitualmente se distribúe entre todas as vivendas lalinenses, tanto do casco como do rural.

Un calendario que estará presente nas casas dos lalinenses ao longo do ano e que nesta ocasión ten un formato a dobre cara e que recolle unha imaxe dos Cabezudos de Laxeiro diante da estatua do porco, obra do artista local Luchi Iglesias (Lalinense do Ano) para o Concello de Lalín e que nace da idea de dar vida a través da tradición popular dos cabezudos ao cadro laxeiriano A Familia Romea. Cinco pezas singulares, catro cabezudos e un cabaleiro que o Concello estreou o 25 de xullo con motivo do 25 cabodano de Laxeiro e que estiveron presentes na Bienal que este ano se lle dedicou ao pintor.

Esta imaxe escollida para o almanaque pretende ser unha homenaxe no 2022 en que vai ser o gran Ano Laxeiriano. Ademáis, esta publicación inclúe, no reverso, unha imaxe panorámica de Lalín co Concello, Castro Tecnolóxico.

ANO LAXEIRO Lembrar que segundo avanzou hai uns días o conselleiro de Cultura Román Rodriguez, Galicia conmemorará en 2022 o Ano Laxeiro cunha extensa programación que afondará no percorrido vital e profesional do artista a través de propostas expositivas, académicas, audiovisuais e didácticas en distintos puntos de Galicia, así como en Madrid e París, e que terán como acto central o 1 de abril o Día das Artes Galegas na súa honra e unha gran exposición itinerante sobre a súa obra de madurez.

Así o explicou o conselleiro no acto de presentación da programación especial, xunto ao mandatario local de Lalín, Xosé Crespo, e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo. Trátase de propostas que, como indicou, farán posible “acceder á obra do xenio de Lalín desde múltiples linguaxes e plataformas de comunicación para indagar naqueles aspectos da súa obra que son menos frecuentes e nos permitirá inaugurar novas investigacións sobre a súa produción”.

Estas actividades celebraranse coa implicación de diferentes entidades e institucións culturais de distintos territorios, como a Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, o Concello de Lalín, a Real Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid ou a Embaixada de España en Francia.

Así, no 2022, co gallo da homenaxe da RAGBA no día das Artes Galegas na súa honra, artéllase unha programación cultural especial do Ano Laxeiro que incluirá, como unha das grandes apostas, a exposición itinerante Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1951-1970) comisariada por Carlos Bernárdez.

Poderá verse en Lalín, Santiago de Compostela, Madrid e París entre os meses de abril e decembro coa colaboración da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e a Embaixada de España en Francia. Baixo o título dunha destacada obra de Laxeiro dos anos 70, a exposición –que se completará cun libro-catálogo– presentará unha nova ollada sobre a súa obra de madurez durante a súa longa estadía no país arxentino.

A esta mostra súmanse diferentes actividades como a celebración dun gran simposio en Santiago no mes de xuño. O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) reunirá a referentes das artes plásticas e da investigación académica que abordarán a figura de Laxeiro e o seu contexto cultural e social. O Ano Laxeiro buscará promover o legado do artista entre os máis novos. Por iso, producirase material divulgativo e didáctico que estará dispoñible para os centros educativos galegos.

Tamén haberá propostas no eido audiovisual, coa estrea dun documental, que repasará o seu percorrido vital e artístico por Lalín, Vigo e o seu vínculo con Arxentina.

23 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.