Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Núñez Feijóo pronuncia o pregón a media mañá // Haberá desfile con oito carrozas etnográficas das parroquias // Nomearanse comendadores a Luz Casal, José Blanco, Roberto Tojeiro, Carmen Lence, Esther Estévez e Melquíades Álvarez TEXTO Manuel Boo

Lalín recende este domingo co cocido no seu día máis grande

Cunha previsión de tempo inestable aínda que sen choiva, pero con máis temperatura da habitual para a festa, este domingo danse cita en Lalín miles de persoas que honrarán ao prato rei da gastronomía de Galicia de interior: o Cocido de Lalín. Unha LIV edición, pregonada por Alberto Núñez Feijóo, que será a primeira que se celebre como Festa de Interese Turístico Internacional, sendo a única celebración gastronómica a nivel nacional que conta con esta distinción que obtivo en xaneiro de 2020, en datas previas ao comezo da pandemia.

A Festa que se celebra esta fin de semana será, ao tempo, a primeira das grandes celebracións que se vai a poder realizar, despois de dous anos de pandemia, sen restriccións e sen uso de mascarillas nin en interior nin en exterior.

COMENDADORES. Con estas premisas, ás once da mañá, no hall do Concello, celébrase o Capítulo Xeral da Encomenda do Cocido no que se incorporarán á orde que axuda a “difundir, promocionar e apoiar a Feira do Cocido e o plato típico”, un total de seisnovos comendadores que serán a cantante Luz Casal, o político José Blanco, a comunicadora e influencer Esther Estévez, os empresarios Roberto Tojeiro de Gadisa e Carmen Lence do Grupo Lence e o empresario de hostalería radicado en Madrid Melquíades Álvarez. Estes nomes uniranse aos de José Luis Rodríguez El Puma, o empresario da comunicación en Latinoamérica Carlos Vasallo, a Miss Mundo Alicia Machado, o pintor José María Barreiro e o alcalde de Miami, Joe Carollo, que foron distinguidos no acto de presentación da Feira do Cocido en Miami o pasado 19 de marzo. De este xeito, únense aos máis de un centenar de comendadores cos que conta a orde do Cocido entre os que están numerosas personalidades galegas e nacionais.

DESFILE DE CARROZAS. Nada máis rematar a Encomenda, a comitiva desprazarase á Carpa do Cocido, onde farán un percorrido polos principais estands da Feira que expón produtos de primeira calidade relacionados co plato rei da gastronomía galega ou artesanía e queixos, entre outros. Esta exposición ten lugar na maior carpa que se instala en Galicia e que conta cunha superficie cuberta de case 2.200 metros cadrados.

Ao remate, sobre as doce e media, e xa na Praza da Igrexa, terá lugar o pregón que este ano correrá a cargo do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nun dos últimos actos multitudinarios nos que participará na súa condición de presidente da terra dos mil ríos.

Nada máis rematar, xa sobre a unha da tarde, terá lugar o desfile de carrozas e comparsas que este ano contará con oito remolques etnográficos realizados polos veciños das distintas parroquias que loitarán por un premio en metálico que distinguirá ó de mellor realización e contido. Ademáis, haberá unha ampla representación dos antroidos galegos máis tradicionais que este ano se reunirán en Lalín nunha nova edición do Cocido Corredoiro.

Como novidade, nesta edición será o porco alcumado Queitano o que abrirá o desfile. Un cocho da raza Duroc que camiñará de lado do seu dono e que xa neste días estivo a afacerse á compaña dos veciños e a discurrir polas rúas, levantando unha ampla expectación entre veciños e medios de comunicación.

Sobre as tres da tarde, cando rematará o desfile, a case totalidade dos restaurantes lalinenses ofrecerán cocido aos visitantes, e na maior parte das casas de Lalín servirase o Cocido de Lalín pese a ter que adiarse das súas datas tradicionais. Varias charangas amenizarán á tarde, e a orquestra La Fórmula pechará a xornada.

23 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.