Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Tanxugueiras e Baiuca actuarán nun festival do 13 ó 15 de maio // No outono terá lugar un foro que situará ó concello do Deza como nexo de unión das cociñas dos territorios da peregrinación a Santiago // En Miami haberá Encomenda TEXTO F.R.G.

Lalín une a gastronomía ás rutas xacobeas en Cocidos do Camiño

A gastronomía, a cultura e o Camiño de Santiago son os eixos do proxecto Cocidos do Camiño, que este ano, impulsado pola empresa I-Radia Crea en colaboración co Concello de Lalín e a Xunta de Galicia, busca darlle continuidade ás iniciativas de intercambio de experiencias gastronómicas no tocante ao vínculo do Camiño coa Feira do Cocido de Lalín, recoñecida como unha das festas de Interese Turístico Nacional.

A casa consistorial lalinense acolleu este sábado a presentación da programación completa de Cocidos do Camiño, coa participación do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela; Luis López, delegado territorial da Xunta en Pontevedra; o alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias; Carlos Montilla, director de I-Radia Crea; e Álex Iglesias, chef do restaurante Cabanas, que participará no Festival Gastronómico en representación do Cocido Lalinense e formará parte tamén do comisariado do I Foro Gastronómico do Camiño que terá lugar no marco de Cocidos do Camiño.

Un dos tres eixos sobre os que xira Cocidos do Camiño é a internacionalización do cocido e da feira. Aproveitando a viaxe dunha expedición da Xunta de Galicia á cidade de Miami, organizada en colaboración ca colectividade galega nos Estados Unidos, haberá unha celebración especial da Encomenda do Cocido na que se nomearán comendadores da feira a unha serie de personalidades americanas, ademais dunha degustación do Cocido de Lalín no hotel Biltmore da cidade de Miami.

O segundo dos eixos será un festival cun formato de gastronomía inmersiva do 13 ao 15 de maio no Campo da Feira de Lalín, espazo que albergará distintas propostas gastronómicas en torno ao cocido e procedentes dos distintos territorios do Camiño de Santiago.

Dito recinto funcionará como un punto de encontro para os amantes da gastronomía e da música. Un formato de mercado para todos os públicos onde se poderán degustar diferentes posibilidades gastronómicas elaboradas de xeito simultáneo por cociñeiros de renome, e actuacións musicais de gran proxección internacional, que levan con orgullo a nosa lingua, cultura e tradición fóra da nosa terra, como é o caso de Tanxugueiras ou Baiuca, os primeiros nomes que forman parte deste evento cuxas entradas sairán á venda o vindeiro martes ás 12.00 horas.

LUGAR DE DIFUSIÓN CULTURAL. Ademais, coincidido coa festividade do Día das Letras Galegas, e como clausura do mencionado festival, haberá un acto no que se ligarán a oralidade e a gastronomía á literatura galega. Unha acción que porá en valor a rica tradición gastronómica galega empregándoa como un espazo de difusión cultural. Un evento no que se mesturará gastronomía con literatura e no que se contará con personalidades vinculadas ás letras galegas.

No vindeiro outono terá lugar o I Foro Gastronómico do Camiño, unha convocatoria que ten como obxectivo converter a Lalín no quilómetro cero da gastronomía, da súa relación coa cociña de vangarda e da reivindicación da produción agroalimentaria como o piar esencial para afrontar un futuro atractivo feito de posibilidades. Un quilómetro cero que abra a cociña galega ao mundo, que se converta no epicentro dunha revolución gastronómica e que o faga desde un dos pratos de referencia do imaxinario gastronómico galego: o Cocido de Lalín.

Un movemento gastronómico global co que desenvolver accións que se postulen como pioneiras no sector en Galicia e que se sitúen, de igual a igual, na vangarda dos eventos estatais e europeos.

Para a creación do programa do foro contarase coa presenza de catro comisarios gastronómicos, encargados de conformar un programa coa presenza de distintos profesionais culinarios baixo distintos eixos temáticos: Sustentabilidade gastronómica, Memoria gastronómica do Camiño, Cocidos do mundo, Gastronomía, turismo e territorio e Vangarda e deseño gastronómico: creatividade e innovación.

Diferentes localizacións. O comisariado do foro estará formado por grandes figuras representativas da gastronomía galega e celebrarase en diferentes localizacións do municipio de Lalín, integrando desta maneira o escenario dentro dos contidos que se tratarán ao longo desta primeira edición do Foro Gastronómico do Camiño.

Na súa intervención, Alfonso Rueda Valenzuela sinalou que “cocido e Camiño engloban e resumen o mellor de Galicia: o Camiño é o escaparate do máis xenuíno da nosa Comunidade, e o cocido exalta o produto da nosa horta, das nosas granxas e da nosa despensa”.

Cocidos do Camiño retoma o proxecto iniciado no Xacobeo 2010 con actividades de confraternidade entre Galicia e outros puntos da xeografía peninsular e do estranxeiro, sobre todo vencelladas co Camiño Francés, como Astorga, que conta co cocido maragato, ou o cocido lebaniego de Potes (Cantabria), o cocido portugués de Penafiel ou o pot au feu da rexión francesa de Aquitania.

Axuda de cen mil euros. Esta iniciativa continuará este ano para poñer en valor a gastronomía e os produtos autóctonos vencellados ao Camiño de Santiago.

Cocidos do Camiño conta cunha axuda de 100.000 euros de Turismo de Galicia, segundo lembrou Rueda.

A Feira do Cocido de Lalín é o máximo expoñente do Concello. Ao longo da súa historia, este evento gastronómico foi gañando pulo ata converterse nunha das festas máis importantes (senón a que máis) do calendario lúdico galego. A súa sona mesmo alcanza xa repercusión en destacados foros internacionais, un feito ó que contribuíu o esforzo promocional realizado dende a administración municipal.

Esta festa foi declarada de Interese Turístico Internacional en 2020 por resolución do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Esta distinción supón o máximo recoñecemento que se pode alcanzar neste ámbito e, neste caso, trátase da primeira festa gastronómica en conseguilo en todo o Estado. Unha tradición que se remonta máis de medio século atrás no Deza.

13 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.