Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Terá lugar o 6 de marzo baixo un estrito protocolo anti-covid // Non haberá desfile dos Xenerais da Ulla, pero sí un Gran Alto pola mañá // Contará cunha mostra de fotografía // As orquestras Finisterre e Olympus animarán a verbena TEXTO Victor Furelos

Lestedo vai repartir 16.500 filloas na festa máis larpeira do Entroido

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; o deputado autonómico e presidente da Comisión de Control da CRTVG, Ovidio Rodeiro Tato; e o presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal, presentaron este xoves na santiaguesa Hospedería San Martín Pinario o programa da 39ª edición da Festa da Filloa de Lestedo, que terá lugar o domingo 6 de marzo.

No turno de intervencións, o alcalde explicou que a Festa da Filloa “volve despois dun ano cos fogóns apagados por mor da pandemia sanitaria” e destacou que “é unha festa moi ligada á promoción da cultura e das tradicións galegas”. Por iso, Fernández Munín agradeceu especialmente á veciñanza de Lestedo e á Asociación Cultural da Filloa “por ser quen de elaborar un programa tan completo nun tempo récord”, suliñou.

Pola súa banda, José Manuel Canabal destacou que o programa deste ano contempla grandes novidades, motivadas pola situación sanitaria. “A primeira delas é o cambio de hora do Gran Alto dos Xenerais da Ulla, que pasan da tarde ás 12.30 horas, xusto antes do pregón. E ademáis non haberá Desfile de Xenerais”, indicou José Manuel Canabal.

Neste sentido, a organización contará cunha empresa de seguridade que se encargará de que se cumpra en todo momento a normativa preventiva fronte á covid e que o campo da festa estea dividido en distintas zonas para que non se produzan masificacións de xente.

Finalmente, Ovidio Rodeiro asegurou que esta festa “é unha celebración que representa un recoñecemento aos homes e mulleres de Lestedo que levan 39 anos facendo unha festa de parroquia e, ao mesmo tempo, lograron que sexa unha das festas gastronómicas máis importantes de Galicia e co selo de Festa de Interese Turístico Galego”.

Deste este vernes comezan intensas semanas de promoción da Festa da Filloa. Así, do mércores 23 de febreiro ao venres 4 de marzo, unha filloeira elaborará de xeito tradicional as filloas de Lestedo na cafetería do Centro Comercial El Corte Inglés. E o venres 4 de marzo, ás 13.00 horas, Roberto Filgueira, do Restaurante O Balado, impartirá unha masterclass ao alumnado do Centro Integrado de Formación Profesional de Santiago de Compostela no que amosará as posibilidades culinarias deste típico postre.

PROGRAMA O programa da Festa da Filloa de Lestedo dará comezo o 6 de marzo ás dez da mañá, co acendido da máquina filloeira creada polo empresario local Orlando Vázquez, que traballará once horas elaborando 1.500 pezas por hora para poñelas á venta. Os visitantes degustarán polo tanto 16.500 filloas.

A partir das 11.00 horas, o local social de Lestedo acollerá a inauguración da mostra fotográfica 39 anos filloando, organizada pola asociación de veciños da localidade. Durante o acto terá lugar a entrega dos premios do II Concurso Fotográfico Filloarte, que se está a celebrar nestes momentos a través da fan page en Facebook da Asociación Cultural da Filloa (facebook.com/filloaoficial).

A actuación de grupos musicais da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio (11.30 horas) e a tradicional parranda de entroido (12.00 horas) no campo da esta darán paso ao Gran Alto dos Xenerais da Ulla, que terá lugar ás 12.30 horas. Mediante estrofas rimadas e con moita ironía e humor, falarán de política e temas de actualidade para dar paso á actriz María Mera, que un ano máis presentará o pregón da festa, neste caso a cargo do profesor e escritor Xosé Manuel Lobato.

A orquestra Finisterre porá o broche final a unha intensa mañá de actividades coa sesión vermú. Esta formación, canda a orquestra Olympus, protagonizará a verbena a partir das 18.00 horas.

18 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.