Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A Asociación de Veciños da parroquia boqueixonesa recolle nun traballo de 64 páxinas unha morea de fotos en branco e negro que van do ano 1880 ata 1977 // Tamén se incorporan na obra breves informacións moi curiosas TEXTO Alba Prada

Lestedo xa garda nun libro os seus recordos máis prezados

A parroquia de Lestedo, no municipio de Boqueixón, está ateigada de historias e tradicións, aínda que moitas delas xa só sobreviven nos recordos duns cantos veciños... Pero dende agora serán imborrables grazas ao laborioso traballo da Asociación de Veciños de Lestedo que confeccionou un libro chamado a memoria dun pobo, Lestedo, no que a través dunha morea de fotografías en branco e negro lémbranse moitísimos momentos que constitúen a historia da parroquia dende o ano 1880 ata 1997.

Segundo explicou a este xornal o coordinador do proxecto, José Manuel Gacio, a idea do libro xurdiu durante a pandemia. “Creamos un grupo de WhatsApp para enviar fotos antigas e ao final reunimos moitas”. Tras isto, fixeron unha selección e pediron as orixinais, un traballo que o coordinador recoñece que foi moi custoso, e “algúns non as tiñan, porque llas pasara outro familiar”. Neste arduo labor José Manuel tivo a axuda de Lucía Ansemil, que foi a “imprescindible colaboradora” sobre todo nas correcións gramaticais.

Xa houbera outros intentos de facer algo semellante. No ano 1991, da man da Asociación Cultural Castrelo, presentouse unha pequena exposición chamada Lestedo no tempo. “Foron meses de traballo e dous días de exposición”, lamentábase José Manuel. Tamén no 95 a primeira Comisión da Festa da Filloa recolleu durante un ano Lestedo paso a paso, un resumo de máis de duascentas horas de gravación sobre o pobo e as súas xentes.

Agora nace un libro ateigado de recordos, pero tamén unha exposición, que foi inaugurada o pasado 10 de setembro nunha acto ao que acudiron o deputado no Parlamento de Galicia Ovidio Rodeiro, o alcalde boqueixonés Manuel Fernández e o Secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. A mostra aínda se poderá ver este domingo, día 18, no local social da parroquia.

Esta obra adicada a Lestedo está conformada por 64 páxinas, cargadas, como se dixo, de fotografías en branco e negro documentadas. Tamén entre elas se poden descubrir breves informacións. Así está recollido o himno da parroquia “que estaba xa perdido”, comenta José Manuel, pero tamén historias de emigrantes como é a de Manuel Sinde Regueira (nado na raia Lestedo-San Fins).

Non faltan tampouco os cantares de Entroido, un festexo tan popular na zona, e recupérase tamén un verso das Angelitas, que eran un grupo de nenas que recitaban todos os domingos de maio un verso ou poesía á Virxe na igrexa de Lestedo.

Aparece recollida asemade unha carta aos emigrantes da Comisión de Festas de Lestedo e, ao final do traballo, faise unha pequena homenaxe a Rosende Otero Blanco, que foi mestre durante máis de vinte anos “en tempos politicamente complicados e difíciles económica e socialmente”, recolle o libro. O seu nome foille dado a unha rúa da localidade.

Estas breves informacións (hai máis das citadas) axudan, dende logo, a evocar lembranzas aos veciños e veciñas e a coñecer Lestedo aos forasteiros interesados noutras tradicións. O traballo da asociación veciñal convértese en toda unha xoia para os máis maiores, pero tamén para as futuras xeracións, xa que desta forma conservarán a memoria do pobo cando xa non haxa ninguén que lles fale das tradicións extintas.

Todos os interesados en facerse con el poderán adquirilo na libraría local Lino. Dende a asociación agradecen a axuda da Xunta, da Deputación da Coruña, do Concello de Boqueixón e doutras entidades colaboradoras. E tamén a da veciñanza pola achega de documentación.

17 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.