Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Lois Piñeiro: “É unha decepción ter que ver o abandono das naves dos Areos”

O alcalde da Pobra destaca a Casa da Mocidade, o Fab Lab, o Coworking ou o Centro de Recollida de Animais Abandonados como grandes logros do seu mandato

O alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), fai balance da xestión do goberno que preside en coalición con PSOE e BNG destacando o gran avance no eido dos servizos sociais e a creación de novas infraestruturas públicas e instalacións municipais.

Cal é o estado de saúde do tripartito de Nós Pobra, PSOE e BNG?

Goza de boa saúde, pero precisa de máis tempo para dar o valor da súa verdadeira medida.

En que fase están as xestións para crear máis chan industrial?

En fase de estudo da relación custo de urbanización co prezo final que poden ter as parcelas, imprescindible para que sexa un proxecto viable. E por suposto previa consulta e información á veciñanza afectada polo proxecto.

Cal é o seu balance de lexislatura en materia de saneamento e de abastecemento de auga?

De rematar todos os proxectos aprobados, conseguiríamos unha importante ampliación da rede aos núcleos máis afastados.

Que proxectos ten para o que resta de lexislatura?

Conseguir executar todos os que están pendentes e que están aprobados e contan con orzamento: módulo cuberto de atletismo, parque infantil cuberto, centros socioculturais do Camiño Ancho e de Santa Cruz, saneamento en San Isidro, Ouxo e O Freixo, etc. Temos novos proxectos en marcha, como a creación dunha aula de formación homologada formando parte do centro sociocultural do Campiño.

Como valora o traballo do Partido Popular como oposición?

A oposición actual, formada por un único partido, o Partido Popular, non se adaptou ben ás novas circunstancias, que nos dan maioría absoluta no pleno da Corporación municipal. Esta situación asegura que as iniciativas do goberno conten con apoio suficiente sempre. Isto provocou unha deriva cara a unha forma de facer oposición máis agresiva e pouco construtiva, baseada nunha campaña de desprestixio que non vai calar na veciñanza. Por moito que repitan as súas máximas de que este goberno non fai nada e todo está abandonado, a cidadanía da Pobra sabe que non é certo. Equivócanse.

Cal é ata o momento a súa maior decepción como alcalde?

Sen dúbida son moitas, froito case todas elas do desesperadamente lento que é o procedemento administrativo que hai que seguir para facer realidade un proxecto: permisos e autorizacións doutras administracións e expedientes de licitación interminables. Pero se tivera que escoller unha, é ter que seguir vendo as naves do Paseo dos Areos nese estado de abandono.

Cal é o seu maior reto ou ambición para o que resta de mandato?

Pois ten relación con dúas preguntas anteriores: é necesario superar toda a burocracia para facer realidade todos os proxectos aprobados e que contan con orzamento, os que definen a nosa maneira de entender a política.

Que novos servizos se crearon na Pobra durante o seu mandato?

Aprobouse unha ordenanza de emerxencia social que supuxo un importante apoio a persoas que pasan por dificultades. Agora contamos tamén cunha vivenda de emerxencia social, coa Casa da Mocidade, co espazo de traballo colaborativo Coworking Pobra, co taller Fab Lab, co Centro de Recollida de Animais Abandonados e co novo local de Servizos Sociais. Tamén se crearon os centros sociais da Angustia e do Maño, pendente de executarse outros máis no Camiño Ancho e en Santa Cruz, e de reformar e acondicionar os da Ribeiriña e do Campiño. Agora contamos cunha nave para a brigada de Obras (que non existía). Temos un servizo de conciliación moi completo, dos mellores que existen en Galicia. Neste mandato púxose en funcionamento o servizo de orientación laboral. Conseguimos ter aberta todo o ano a oficina de información turística. Creamos o Servizo de Normalización Lingüística. Por primeira vez neste Concello contratouse unha técnica de Medio Ambiente, que presta diferentes servizos á cidadanía. Creamos tamén a brigada de atención a centros educativos, que é quen de realizar unhas tarefas de mantemento moi importantes para o seu axeitado funcionamento. A día de hoxe temos en nómina a tres profesionais no servizo de logopedia do Centro de Atención á Discapacidade (cando chegamos non existía). No departamento de Igualdade incrementamos de 4 a 32 horas o servizo de asesoría xurídica; contratamos a unha técnica de Igualdade e un servizo de atención psicolóxica. Nos servizos sociais creáronse novas prestacións de atención a persoas emigrantes, ás familias, á infancia, a persoas con problemas mentais ou de adicións, etc.

Está predisposto para presentarse á reelección?

Estarei ao que diga a nosa asemblea, como todos e todas as que formamos parte dela. As decisións a nivel persoal veñen despois.

Cal é a saúde financeira do Concello da Pobra do Caramiñal?

Dende logo non é tan boa como hai catro anos. Este mandato imos rematalo incrementando a débeda, pero as dúas crises sucesivas, tanto a do covid como a da suba de prezos motivada pola guerra de Ucraína, afectaron moito. Por sorte, cando chegaron estabamos nunha situación económica que nos permitiu facerlle fronte, logo dunha política económica responsable ao longo do primeiro mandato.

delegribeira@elcorreogallego.es

16 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.