Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Presentouse en Arzúa unha nova campaña que busca erradicar a violencia de xénero na Ruta Xacobea // Haberá tarxetas e carteis cun código QR que enlaza aos teléfonos dos recursos especializados en atención ás mulleres TEXTO C. Estévez

Loitan por un Camiño no que as peregrinas viaxen seguras

#NoCaminasSola: por un Camino de Santiago libre de violencias machistas. Este é o lema da nova campaña que vén de presentar en Arzúa a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e que este ano conta coa colaboración de 746 organizacións da provincia, 140 máis que o ano pasado. A iniciativa busca reforzar a seguridade das mulleres que emprenden a Ruta Xacobea en solitario mediante a difusión, en diferentes localizacións do Camiño de Santiago, de tarxetas e carteis informativos que inclúen un código QR que enlaza aos números de teléfono dos diversos recursos especializados en atención ás mulleres.

A campaña está promovida polas Unidades de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller das delegacións do Goberno de Galicia, Navarra, Aragón, A Rioxa, Estremadura e Castela e León, comunidades por onde discorre o Camiño de Santiago. “O ano pasado puxemos en marcha esta iniciativa por primeira vez e o certo é que a información que recibimos por parte das usuarias foi moi positiva, e por iso este 2022 queremos potenciar o seu alcance. Porque o máis importante é que as mulleres se sintan seguras e que desfruten do Camiño”, asegurou Rivas.

O material informativo que inclúe a campaña distribuíuse o ano pasado en Galicia nas distintas rutas do Camiño de Santiago, entre albergues, farmacias, comandancias e postos da Garda Civil, comisarías de Policía Nacional e dependencias da Policía Local. Este ano relánzase a iniciativa incluíndo como novidade a incorporación da Ruta da Prata (na que participa a Comunidade Autónoma de Estremadura). Ademais, introdúcese o inglés con carteis e tarxetas bilingües, co fin de chegar ao maior número de peregrinas posible, e amplíanse tamén os lugares de distribución, incorporando a centros de saúde e oficinas de turismo.

En total, na provincia da Coruña repartiranse 746 carteis e 14.920 tarxetas. Deste xeito, 144 albergues, 410 farmacias, 26 postos da Garda Civil, 5 comisarías da Policía Nacional, 30 da Policía Local, 82 centros de saúde e 49 oficinas de turismo dos concellos polos que discorre o Camiño disporán de diferentes recursos informativos para evitar calquera tipo de violencia contra as peregrinas.

“Precisamos a implicación de toda a sociedade para erradicar a violencia machista”, resaltou a subdelegada, quen tamén destacou a importancia da colaboración de todas estas entidades na difusión dunha campaña “que axudará a ter a información clara sobre todos os recursos dispoñibles e, por suposto, a sensibilizar, previr e denunciar” as violencias que poden sufrir as viaxeiras, así como a mellorar a protección e seguridade dos nosos camiños da Ruta Xacobea.

Na presentación da nova campaña, que tivo lugar ao pé do Camiño Francés, no albergue Don Quijote do concello de Arzúa, participaron tamén a tenente de alcalde de Arzúa, Begoña Balado; as concelleiras de Cultura e Facenda, Aurora Varela e Mari Carmen Torreiro; o tenente coronel e xefe accidental da Comandancia da Coruña, Fernando Pedreira; o comisario provincial da Policía Nacional na Coruña, Fernando M. Marty; e a presidenta do Colexio de Farmacéuticos da Coruña, Sara Catrain, entre outros representantes de entidades que colaboran.

A PROTAGONISTA
“PODEN peregrinar SOAS se queren”
María Rivas
Subdelegada do Goberno na Coruña

Tal e como explicou Rivas, nos últimos anos estase observando un aumento significativo das mulleres no Camiño, que hoxe representan máis da metade das persoas que peregrinan. Por iso, e co obxectivo de reforzar o compromiso do Goberno de España na loita contra a violencia de xénero e pola igualdade, “consideramos que é importante dar forza un ano máis a unha campaña específica que dá a coñecer ás peregrinas todas as ferramentas que o Executivo pon á súa disposición para previr e denunciar calquera tipo de violencia”, sinalou.

A subdelegada recalcou que as mulleres “deben ter o dereito e a liberdade de poder facer o Camiño de Santiago soas se o desexan; non pode ser que o medo a que suceda algo lles impida facelo”. A mensaxe é que non camiñan soas, que non corren risco porque sempre terán a alguén ao seu carón.

{ A OLLADA }
Demasiados obstáculos
C. Estévez

parece incrible que cos tempos que corren as mulleres non poidamos sentirnos seguras en canto poñemos un pé na rúa. Neste caso falamos de medidas para evitar violencia machista no Camiño, pero este problema vai moito máis alá. Cada día os medios fanse eco dos abusos sexuais aos que as mulleres nos expoñemos polo simple feito de saír a divertirnos. Tapar a bebida, pedir que alguén te acompaña ata a casa de noite ou polo menos levar o teléfono móbil e facer que falas, convertéronse nas tácticas habituais para sobrevivir sen sobresaltos a unha noite de festa. Dende logo, o mundo está gravemente enfermo e a medicina parece non chegar. Nacer muller neste mundo implica prepararse para superar demasiados obstáculos.

03 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.