Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Lola Vendetta ensinou como convertir unha preocupación en ilustración con vida propia

Protagonizou a xornada Acércate celebrada // Ofreceu unha charla coloquio, asinou libros e impartiu un taller de ilustración

A ilustradora, Raquel Riba Rossy, máis coñecida como Lola Vendetta, protagonizou a undécima edición das xornadas Acércate, nas que participaron preto de 80 persoas. Raquel Riba Rossy ofreceu unha charla coloquio, asinou libros, e impartiu un taller, no que lle ensinou ás participantes como se transforma unha preocupación nunha ilustración que teña vida propia.

As xornadas Acércate, que se celebraron no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, estaban previstas para o pasado día 4 de decembro de 2021, pero houbo que adialas e incluíronse na programación do 8M que se está desenvolvendo ao longo deste mes de marzo.

Baixo o título Máis vale Lola... que mal acompañada, a artista convidada impartiu unha charla coloquio na que preto de 80 persoas puideron introducirse nun espazo de benestar, reflexión, autocoñecemento e autocoidados. Raquel Riba Rossy explicou como unha rapaza criada nun ambiente do Opus Dei chegou ao feminismo tras comezar a estudar Belas Artes en Barcelona. Segundo dixo “un relato de vida que podía ser a de calquera de nós”.

Tras unha infancia e preadolescencia nun colexio relixioso onde “che grampaban a camiseta á saia para que non se vise o teu corpo, onde cando en outros centros falábase de sexualidade a nós nos falaban do milagre da vida e do marabilloso de ser nai, aínda que sen saber como se fan os nenos, a través de fetos de plástico nos dicían que os colocásemos sobre o ventre”.

Estudando en Barcelona, durante unha viaxe en tren para visitar ós seus pais, con 23 anos Raquel Riba Rossy, vive unha situación de acoso por parte dun home maior. Nese momento non sabe moi ben como reaccionar e záfase del e ao chegar á casa “estóupalle o cerebro”, solta a súa vea artística e aí nace Lola Vendetta, que na súa primeira viñeta tira ao ancián ás vías do metro, entón o acosador con bastón, estoupa e escribe “viejecitos entrañables” coas súas vísceras.

Posteriormente, continúa cos seus traballos de debuxar anxiños, de ilustrar estampiñas porque segundo ela “de algo hai que comer”, á vez que segue alimentando ao seu alter ego en privado, ata que se dá conta do que pode axudar a moitas outras mulleres con Lola. Segundo a ilustradora, a lámina Sexo Débil los Cojones, marca un antes e despois. Nela pódese ver a unha muller menstruando, outra embarazada e unha terceira unida aínda co seu bebé polo cordón umbilical. Segundo a propia autora “faltoulle a muller menopáusica”. Considera que Lola Vendetta aforroulle moitos cartos en psicólogos e axudou a algunhas mulleres a saír do maltrato.

DEBATE. Trala charla coloquio, abriuse unha quenda de debate na que saíron dende o colectivo ideas e sinerxias importantes entre as mulleres que participaron e que non dubidaron en expoñer as súas vivencias, medos, problemas, etc.

A segunda parte das xornadas consistiu na impartición dun taller de ilustración a cargo da propia Raquel Riba Rossy. Esta actividade estivo dirixida a un público de todas as idades, no que compartiron experiencias e sensacións sobre o debuxo e a expresión artística. A artista ensinoulle ás participantes como unha preocupación se pode desmiuzar e sintetizar para poder reflectila nunha ilustración que teña vida propia.

10 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.