Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Luz verde ao proxecto que dotará a Cee e Corcubión dun saneamento eficiente

Porá fin aos vertidos de augas residuais a ría // O investimento supera os oito millóns // Construirase unha depuradora nova

O Consello da Xunta autorizou este xoves a colaboración co Concello de Cee para a execución das obras de mellora do sistema de saneamento deste municipio e do de Corcubión, que suporán un investimento de máis de 8,1 millóns de euros.

Estas obras conforman a primeira fase das actuacións proxectadas ao abeiro do Plan de saneamento da ría de Corcubión para mellorar o funcionamento do sistema.

Mediante este acordo, a administración hidráulica da Xunta asume integramente o financiamento, a contratación e a execución das obras. Estas actuacións son cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

O Concello de Cee, pola súa parte, como beneficiario desta colaboración do Goberno galego nas súas competencias de saneamento e depuración, debe aprobar o proxecto en pleno, poñer os terreos á disposición e asumir o compromiso de recepción e explotación das actuacións.

As actuacións, cun prazo de execución de 18 meses, teñen como obxectivo solucionar as deficiencias que presenta na actualidade o saneamento de Cee e Corcubión.

As obras proxéctanse unha vez realizado un estudo que constatou carencias no funcionamento dos bombeos e a existencia dun sistema de depuración cunha tecnoloxía de tratamento obsoleta. O diagnóstico efectuado amosou que o sistema de saneamento é unitario e que en tempo de chuvia é incapaz de bombear a totalidade de caudais recollidos, producíndose numerosos alivios que, entre outras consecuencias, provocan que a praia de Cee teña prohibición permanente de baño.

Para solucionar estas deficiencias e optimizar o sistema de saneamento, o proxecto prevé a renovación do colector das Laxes e a construción dun novo tanque de tormentas. Tamén se acometerá un novo colector que desde o bombeo das Monxas conduza as augas ao tanque de tormentas e as bombee á depuradora. De modo máis concreto, no colector das Laxes, arranxarase o treito que discorre pola marxe dereita do río, desde a impulsión actual ata o novo tanque de tormenta, dimensionado para un volume de retención de 2.000 m³. Ademais instalarase un bypass xeral de toda a instalación que permita que as augas sexan dirixidas ao tanque de tormentas ou aliviadas. A impulsión con 4 bombas e o pretratamento disporá de pozo de grosos e tamices autolimpantes.

Ademais, a Xunta, a través de Augas de Galicia, redacta o proxecto de construción da nova depuradora, conforme o recollido nun convenio anterior asinado co Concello de Cee en decembro do pasado ano. Esta intervención, cuxa redacción do proxecto foi licitado por 347.000 euros, correspóndese coa segunda fase das actuacións proxectadas ao abeiro do Plan de saneamento da ría.

15 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.