Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Servizos. Este verán comezarán as obras da primeira fase coa construción dunha base de tormentas e a renovación de parte da rede ceense // En outubro apróbase o proxecto da nova depuradora, pensada para 17.000 habitantes TEXTO M. Lavandeira

Máis de 18 millóns para mellorar o saneamento de Cee-Corcubión

Entre xullo e agosto comezarán as obras de mellora do saneamento de Cee e Corcubión, que se executarán en dúas fases e que suporán un investimento que supera os 18 millóns de euros, segundo confirmou a alcaldesa ceense, Margarita Lamela.

O pasado martes, a rexedora, xunto co seu homólogo de Corcubión, Manuel Insua; representantes da confraría corcubionesa e das mariscadoras, ademais de responsables da empresa Augas Potables de Corcubión, mantiveron unha xuntanza en Cee con Jean-Pierre Blanco Menéndez, enxeñeiro e xefe da Sección Industrial de Augas de Galicia e con técnicos da empresa que redacta o proxecto para coñecer o avance do plan da nova depuradora, que se executará na segunda fase e suporá un investimento de máis de 10 millóns de euros.

“Está previsto que a finais de outubro quede aprobado o proxecto e unha vez licitadas e adxudicadas as obras, o prazo de execución é de 24 meses”, indicou Margarita Lamela.

As obras serán cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Galicia Feder 14-20, e foron deseñadas a partires dun exhaustivo traballo de análise do sistema de saneamento dos dous municipios. A conselleira de Infraestruras, Ethel Vázquez, sinalou o pasado mes de outubro, coincidindo cunha visita a Cee, que o sistema actual presenta deficiencias nos bombeos, na rede de colectores e nos pozos de rexistro, con abundantes entradas de auga de mar e da chuvia, que provocan vertidos e dificultan o funcionamento da depuradora, tamén obsoleta.

Uns problemas severos que, ademais de dar lugar a vertidos aos ríos, tamén son a causa de que a praia urbana da Concha teñan habitualmente a indicación de prohibición do baño. Esta contaminación das augas tamén está a afectar a actividade do marisqueo, xa que a zona da referida praia está calificada como zona C, o que impide a venda directa do marisco, que antes debe ser trasladado a outras zonas habilitadas e libres de contaminantes.

Para solucionar eses problemas renovarase o colector das Laxes e repararanse as canalizacións da marxe dereita do río. Ademais, construirase un tanque de tormentas e habilitarase un colector que substituirá o bombeo da zona das Monxas e condudirá as augas ata o tanque de tormentas cara a depuradora.

Asemade, habilitaranse un by-pass e un colector de vertido, que permitirán que as augas sexan dirixidas ao tanque de tormentas ou aliviadas, e construirase un novo bombeo ata a depuradora.

PARQUE INFANTIL. O citado tanque de tormentas ubicarase na zona do paseo marítimo e, ademais de solucionar os problemas das redes de saneamento, achegará un valor engadido á zona, xa que quedará integrado na paisaxe e complementarase cun merendeiro, un parque infantil e mesmo un rocódromo para disfrute dos veciños e dos visitantes.

A construción do tanque será a primeira das obras que se van a executar con cargo a este proxecto, segundo confirmou a alcaldesa de Cee. Despois renovaranse as canalizacións da rede de saneamento desde a rotonda do Centro Comercial Finisterrae ata a ubicación da futura estación depuradora.

A protagonista
“Estanse a materializar investimentos de gran valor”
Margarita Lamela
Alcaldesa de Cee

A alcaldesa, Margarita Lamela, asegura que a mellora do saneamento é un dos grandes investimentos que se están a materializar en Cee, onde se veñen de investir tamén case 500.000 € na reforma e mellora da eficiencia enerxética da casa consistorial e na renovación do alumeado público, co apoio do IDAE. Ademais, xa está solicitada a licenza para acondicionar o antigo concello, que acollerá as oficinas do SEPE e do Servizo Galego de Colocación. O custe superará os 700.000 €.

{ PASABA POR AQUÍ }
Investir en sostibilidade
Manuel Lavandeira

Certo é que as cifras que se manexan para mellorar o saneamento en Cee e Corcubión son mareantes, pero non menos certo é que as contrapartidas serán tamén de gran valor, aínda que non se poidan cuantificar en euros. Avanzado xa o século XXI non é tolerable que unha praia como a da Concha non sexa apta para o baño, ou que os bancos marisqueiros da ría de Corcubión continúen cualificados como zona C, debido a que vertidos de augas fecais seguen chegando ás súas augas. Investir no coidado do medio natural é apostar por un futuro mellor para todos, e velar pola saúde dos nosos ríos e mares acabará repercutindo tamén no benestar dos veciños e visitantes destes dous concellos. Só queda pedir que se faga o antes posible.

13 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.