Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Sanidade. García Comesaña anunciou que antes de fin de ano licitaranse as obras de ampliación de urxencias // Tamén se mellorará e limpará a fachada // Máis de 600.000 € foron investidos nos últimos meses en equipamentos TEXTO M. Lavandeira

Máis investimentos no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee no seu 25 aniversario

O Hospital Virxe da Xunqueira, de Cee, cumpriu 25 anos, e con motivo da conmemoración do cuarto de século de funcionamento recibiu a visita do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen anunciou que antes de que remate o ano, licitaranse as obras de ampliación das urxencias, que suporán un investimento de 1,1 millóns de euros e que, unha vez adxudicadas, poderán comezar mediados do ano 2023 e rematar no 2024.

Aproveitou para avanzar tamén que a Xunta ten previsto a mellora e limpeza da fachada do centro sanitario. As actuacións previstas, segundo dixo o conselleiro, “suporán un hospital totalmente reformado no seu interior e exterior”.

Polo que respecta á ampliación das urxencias, o proxecto contempla un circuíto específico permanente e independente para a atención e illamento diferenciado dos pacientes con patoloxías respiratorias, así como un control de enfermería para ese dobre circuíto. As novas dependencias, segundo explicou o conselleiro, engadirán tamén aos actuais sete boxes de observacións e ao único existente para pacientes illados outros 5 boxes, todos eles preparados para pacientes illados. Finalmente, incorporarase unha nova sala de traballo médico, e outra nova sala de enfermería.

García Comesaña lembrou cómo ao longo deste ano, no marco da actual estratexia da Xunta de renovación de equipamento sanitario, “vimos de adxudicar para o hospital de Cee máis de 600.000€ para adquisición dos equipos máis modernos e avanzados” para que se manteña na vangarda sanitaria”.

Este equipamento inclúe un TAC de última xeración, un ecógrafo portátil ou a renovación do equipamento cirúrxico, cun novo equipo radiocirúrxico, a renovación de dúas lámpadas de quirófano ou un novo sistema de anestesia.

Ao acto do 25 aniversario, que comezou coa plantación dunha árbore no exterior do hospital, tamén asistiron o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal; o director xeral de Función Pública, José María Barreiro; o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor; o xerente da área sanitaria, Luis Verde; a directora do distrito sanitario de Cee, Carmen Otero, e representantes das corporacións municipais dos concellos deste distrito, entre eles a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela. Tamén participou o catedrático de Física da USC, o baiés Jorge Mira, quen impartiu unha conferencia.

García Comesaña repasou os fitos destacados na traxectoria deste centro hospital, e no seu nacemento quixo salientar o papel do seu primeiro director José Rey Aneiros, xa falecido, a quen se rendeu unha homenaxe por parte de todos os asistentes ao encontro. O concelleiro tamén lembrou ao seu homólogo que decidiu emprazar en Cee o hospital comarcal, José Manuel Romay Beccaría.

Amosou igualmente o seu agradecemento a todos os profesionais que pasaron ao longo destes 25 anos polo Hospital Virxe da Xunqueira e aos máis de 350 que traballan nel actualmente. “O seu bo facer e a súa excelente labor diaria permitiron fitos como que no ano 2014 as unidades de hospitalización recibiran o certificado de sistema de xestión de calidade de AENOR, ou que o servizo de obstetricia se convertera nun referente na atención humana e personalizada ao parto, ata o punto de recibir no ano 2016 dous premios do Ministerio de Sanidade por Boas prácticas en atención perinatal.

Peza fundamental

A alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, asegurou que o hospital pasou a ser “unha peza fundamental na historia da Costa da Morte”. Máis aló do impacto na atención sanitaria, engadiu, “tamén tivo un efecto transformador. Cee é un dos tres únicos concellos desta zona nos que aumenta a poboación, multiplicándose as empresas relacionadas co ámbito sanitario así como outros servizos auxiliares como o benestar e o deporte”.

Amosou o seu agradecemento a todo o equipo sanitario e de profesionais vinculados ao hospital e tamén deu as “grazas ao empeño común dunha sociedade unida, xenerosa e loitadora, a da Costa da Morte, por facer posible un soño que parecía imposible”. A enfermidade e o medo “acompáñannos, de aí a tranquilidade de ter preto de nós este hospital público. En tempos de tormentas e fraxilidades non podemos esquecer quen nos coida e nos salva. Que este hospital continúe sanando o futuro, mañá emprendemos camiño cara outros 25 anos máis”, concluíu.

O PROTAGONISTA
Un centro con alta tecnoloxía
Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

Entre as melloras acadadas nestes 25 anos, o conselleiro lembrou a incorporación dun mamógrafo no ano 2010, “que converteu ao Virxe da Xunqueira no primeiro hospital comarcal en contar cunha unidade de exploración fixa de cribado de cancro de mama” ou a posta en marcha en 2011 da Unidade de Dixestivo, que dotou a este centro da máis alta tecnoloxía e equipamento do momento neste ámbito asistencial.

Salientou tamén que entre os anos 2017 e 2018 ampliouse a unidade de diálise, pasando de catro a doce postos, modernizouse o bloque cirúrxico, e, o ano pasado, comezaron as consultas oftalmolóxicas de retina e das inxeccións intravítreas. Actuacións que, afirmou, “permitiron seguir achegando servizos á poboación”, ao tempo que a creación das estruturas de xestión integrada “blindaron os hospitais comarcais e reforzaron o apoio que reciben dos de cabeceira”.

{ PASABA POR AQUÍ }
Un antes
e un despois
Manuel Lavandeira

Ninguén dubida de que a posta en marcha do Hospital Virxe da Xunqueira, de Cee, marcou un antes e un despois na atención sanitaria na Costa da Morte. Nestes vinte e cinco anos de traxectoria, o centro mellorou e ampliou servizos e equipamentos para tentar de garantir a mellor calidade asistencial. Así o avalan algunhas das certificacións e distincións recibidas neste tempo. Pero, como en todo, sempre hai marxe de mellora e voces que demandan o incremento de servizos, como a creación dunha área de cardioloxía ou a habilitación dunha unidade de coidados intensivos. Nos últimos meses tamén se formularon queixas polas carencias no servizo de psiquiatría. Agardemos que siga pola senda da mellora constante.

22 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.