Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Malestar no CPI de Vedra polo estado e averías duns buses que nin poden usar

As incidencias chegan sobre todo os xoves a dúas liñas // Atopan restos de comida no autocar // Reclaman puntualidade e medios

A Asociación de Nais e Pais, ANPA A Boca, do colexio de Vedra continúa a denunciar “os problemas de seguridade e de puntualidade dos autobuses que realizan dúas liñas do transporte escolar do CPI de Vedra”, e que están a causar “unha enorme preocupación nas familias do alumnado do centro, que leva reclamando á Xunta de Galicia polas incidencias neste servizo desde o inicio do curso”.

Concretamente, o pasado xoves (cando adoitan producirse incidencias) dous dos vehículos non puideron saír do centro por non reunir as condicións: un porque expulsaba unha importante fumareda e o segundo por non contar con asentos suficientes para todos os rapaces. “Isto ocasionou que o alumnado chegase a casa con 45 e 15 minutos, respectivamente, de atraso sobre a hora prevista”, divulgan, lembrando que causou “un prexuízo maior para o alumnado de Secundaria, que non ten servizo de comedor, e chegou a casa sen xantar case ás 16.00 h.”, din.

Segundo pais e nais, “trátase dun exemplo máis das graves incidencias que se veñen producindo desde o primeiro día de curso, por parte da concesionaria destas liñas, Monbús, tanto na ida como na volta: retrasos, autobuses que non dispoñen de cinto de seguridade, vehículos avariados que deben ser substituídos, os interiores en condicións insalubres”, pola presencia de comida ou terra.

As familias, a través da ANPA do CPI, seguen a poñer reclamacións diariamente, “comunicando estes incumprimentos por parte de Monbús. Esiximos que a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, obrigue ao contratista á adecuada organización das liñas, vele pola calidade da prestación do servizo e tome as medidas que correspondan ante estes incumprimentos na execución do contrato”. A súa principal preocupación é a seguridade na que viaxan os alumnos que empregan o transporte escolar para acudir ao centro por un servizo público que cren “precarizado”.

As claves
Contacto e desaxustes

··· Dende Mobilidade aseguraban ao respecto dos medios e demoras dos buses neste comezo de curso que están en “permanente contacto coa empresa titular da concesión para tratar de resolver con axilidade posibles desaxustes”.

··· Na xornada deste venres houbo normalidade, máis aló dalgún cambio de conductor, segundo din os pais.

23 sep 2022 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.