Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
CELEBRACIÓNS. Música, malabares, foliada e fogos de artificio animarán a vila durante catro días // Teté Delgado exercerá de pregoeira // A procesión por mar será o domingo TEXTO J. Ramos

Malpica honra á Virxe do Carme nas tradicionais Festas do Mar

A vila de Malpica despedirá agosto coas populares Festas do Mar que, dende este xoves, día 25, ata o domingo 28, encherán de vida e animación as súas rúas. A música non deixará de soar dende a noite do xoves, cando se celebrará a primeira verbena no porto, a partir das 23.00 horas, coa participación da disco móbil Impacto, os dj’s Bermúdez e Roy e El Combo Dominicano.

O venres, a A. C. Malante encargarase dos pasarrúas antes do pregón, ás 13.30 horas, a cargo da actriz, cantante e presentadora Teté Delgado. De seguido chegará a primeira sesión vermú na rúa principal co Dúo Son II. Pola tarde, ás 17.00 horas, Ramón Gato presentará o espectáculo Malabarística para o público familiar. Será no paseo da praia. A Mekanika Rolling Band percorrerá as rúas da vila a partir das 20.00 horas, antes da verbena que contará coas actuacións de La Duendeneta, Andrés Balado e Remember Queen.

A Asociación Cultural Malante volverá a protagonizar o pasarrúas do sábado, xornada na que comezará a II Ruta do Vermú, coas actuación do Dúo D’Festa (13.00 horas no centro de saúde), o Dúo Calú e La Duendeneta (14.15 e 15.30 na rúa principal de Malpica). Continuará o domingo amenizada polo Dúo Estrellas (13.00 h. no Caldeirón) e O Tren da Unha (14.15 horas na rúa principal da vila).

O público infantil ten unha cita o sábado, ás 18.00 horas, con Paco Nogueiras no paseo da praia, onde presentará o espectáculo Extra! Os Kilomberos de Montealto animarán as horas previas á verbena polas rúas malpicanas. Entrada a noite, o Grupo Bomba e a orquestra Finisterre amenizarán a velada.

O día grande será o domingo 28, cando en Malpica se honrará á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros. A misa solemne dará comezo ás 12.00 horas e será cantada pola Coral de Malpica. Pola tarde, a partir das 17.30 horas a Virxe será levada ata o porto para encabezar a tradicional procesión marítima.

Ao igual que o sábado, o domingo haberá foliada polos bares da vila mariñeira coa animación do grupo de música tradicional Os Tabernícolas. Na xornada dominical tamén haberá batucada polas rúas con Malandros (19.00 horas). A última verbena das Festas do Mar comenzará ás 20.00 horas coa música da disco móbil Impacto. A medianoite haberá unha gran sesión de fogos de artificio na praia de Area Maior. Despois continuará a festa no porto con Dasoul e Dj Son 1 C.

CONCURSO. A organización dos festexos corre a cargo da ACD Mallas de Area, co apoio do Concello de Malpica e a Confraría de Pescadores. Lembrar que o venres, día 26, tamén se celebrará na praia de Area Maior o XXI Concurso de Barcanas e Castelos de Area, promovido pola concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes.

25 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.