Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
No evento, que organiza a Consellería do Mar, destacan o papel da muller dentro do sector marítimo-pesqueiro // O programa inclúe exposición, talleres e unha degustación // Chegará a O Son este sábado e á vila muradá o día 30 TEXTO M. Cano

Mar e artesanía centran unhas xornadas en Muros e Portosín

Porto do Son e Muros acollerán os días 18 e 30 deste mes, respectivamente, as xornadas de Un mar de artesanía, un evento que organiza a Consellería do Mar no que se destaca o papel da muller dentro do sector marítimo-pesqueiro.

Un mar de artesanía é un percorrido que pon en valor o labor das profesións derivadas do mar, especialmente das antecesoras artesáns da terra. Por iso, as protagonistas nestas xornadas serán as profesións ligadas ó mar, as mulleres das nosas costas, as de antes e as de agora. A unión do coñecemento, do saber facer, da tradición e das novas tendencias, estarán presentes en O Son e Muros a través de diferentes iniciativas, como unha exposición, talleres e a gastronomía.

Este sábado 18 de xuño celébrase a primeira xornada na casa da cultura de Portosín, entre as 10.00 e as 13.30 horas. O evento abrirase coa apertura e presentación da exposición Mulleres artesás. Recibirán aos asistentes dúas redeiras, unha da zona e outra de Artesanía de Galicia, que contarán a súa experiencia e traxectoria vinculada ao mar.

Entre as 10.45 e as 12.15 horas, haberá unha mesa redonda na que grandes profesionais abordarán a repercusión do GALP na visibilidade das mulleres do sector pesqueiro no territorio. Participarán na mesma Manuela Oviedo, xerente do GALP Costa Sostible; Rosa Isabel Rodríguez Vidal, presidenta da Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme; Inés Vázquez García, vicepresidenta da asociación Virxe do Carme de Porto do Son e vogal da Federación galega de Redeiras O Peirao, e Guadalupe Jiménez-Esquinas, profesora de antropoloxía da Universidade de Santiago. Exercerá de moderadora a xornalista Isabel Pichel, da CRTVG e Radio Galega.

Xa para as 12.30 horas, o programa inclúe un taller de artesanía e redes que será impartido pola presidenta da Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme. E, para rematar, unha degustación de produto de tempada da man do Restaurante Nordestada de Portosín porá o broche de ouro a esta xornada.

Destacan dende a organización que a entrada é de balde ata cubrir o aforo.

Un mar de artesanía chegará á vila muradá o xoves 30. As actividades levaranse a cabo no Muíño de Mareas do Pozo do Cachón (Serres), de 17.00 a 20.30 h.

Nesta ocasión, exercerá de anfitroa e falará da súa traxectoria e da importancia do papel da muller no seu sector Adela Lestón, presidenta da agrupación de mariscadoras a pé da confraría de pescadores de Muros.

Entre as 17.45 e as 19.15 h celebrarse a mesa redonda, que xirará ao redor da cultura do marisqueo. Intervirán, ademais de Adela Lestón e● Manuela Oviedo, Alexandra Touza, directora de www.ponlecaraalturismo.com. Actuará de mediadora Xiana Albor, comunicadora medioambiental na CRTVG e máis na Radio Galega.

A partir das 19.30 horas desenvolverase o obradoiro Mariscadoras de Tódalas Cores, no que todos os participantes encherán de cor o debuxo “Mariscadora”, empregando diferentes técnicas e materiais, deixando voar a súa creatividade. Para acudir non é preciso ter coñecementos artísticos, “só ganas de desfrutar da arte e de levar un recordo para a casa como homenaxe a esta profesión do mar”, indicaron dende a organización do evento. Ofértanse dez prazas e os interesados deberán anotarse previamente. Máis información na páxina de Facebook do Concello de Muros.

Ao igual que en Portosín, na vila muradá pecharán a xornada cunha degustación de produto de tempada, da man do Restaurante Muradana. A clausura será ás 20.30 horas.

17 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.