Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Galardón. A actriz e escritora da Costa da Morte estréase con premio no mundo literario // Reivindica a igualdade a través dun conto no que a protagonista busca “mudar as normas do galiñeiro” // Foi publicado por Baía Edicións TEXTO J. M. Ramos

Marta Lado e a súa ‘Pita Xefa’ recollen o Fina Casalderrey

A maternidade e o confinamento déronlle á actriz Marta Lado o empurrón definitivo para lanzarse de cheo ao mundo da literatura, e non o puido facer con mellor pé, pois o seu primeiro libro A Pita Xefa foi galardoado co III Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade. Unha distinción que lle será entregada este mércores, día 17 ás 12.00 horas no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela.

Cando lle comunicaron que a súa obra era a gañadora, “para min ese momento foi apoteósico e toda unha sorpresa, pois sendo primeiriza neste campo non agardaba esa chamada”, afirma Marta. Non obstante, engade, “escribir gustoume sempre, pero nunca me atrevera a facelo profesionalmente neste eido”, aínda que ten experiencia como escritora de relatos, guións e monólogos.

Esta foi a súa primeira experiencia literaria en formato libro, e nesa aventura acompañouna unha pequena pita -a protagonista do conto- que soña con poder facer moitas cousas: salto de lonxitude, bailar claqué pero, sobre todo “poder conseguir o máis importante: mudar as normas do galiñeiro”. E é que A Pita Xefa é unha obra para nenos e nenas cun transfondo reivindicativo a prol da igualdade e en contra da violencia, “un tema que a mín me interesa moito”, sinala a autora.

Unha historia á que lle deu forma despois de ser nai e aproveitando “o tempo que estivemos pechados por mor da pandemia”. Agora, e vista a boa acollida da súa creación literaria Marta asegura que quere máis e pensa en seguir escribindo contos infantís “porque é algo que me atrae moito”. Iso non quita que tamén escriba outro tipo de obras, como relatos. De feito, vai publicar proximamente un deles co que conqueriu ser finalista nun certame. “Hai sementes que nunca sabes cando van medrar”, conclúe.

Anima á xente a que “merque libros en galego ou que os lea nas bibliotecas públicas, sobre todo os nenos e nenos, xa que é importante buscar novos referentes e se pode ser a través da lectura, mellor”.

Aos que desexen coñecer mellor a súa Pita Xefa decirlles que xa está dispoñible nas librarías. A obra foi publicada por Baía Edicións, cuxa directora, Belén López Vázquez, participará este mércores na entrega do premio a Marta Lado. O acto será presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.

Marta Lado naceu no Pindo (Carnota) en 1981 e criouse en Fisterra. É licenciada en Económicas pola Universidade de Vigo, actriz titulada pola Esad de Galicia e nai desde 2019. Alumna da Factoría do Guión, de Madrid (2013-2014), escribe monólogos e sketchs cómicos para teatro e televisión, ademais de ser colaboradora da revista Eló!

TRAXECTORIA. Ao longo da súa carreira como actriz interviu nas longametraxes Ons, Sicilia e Vilamor, e nas obras de teatro O servidor de dous amos, Ubú Rei e Tartufo, entre outras.

Foi distinguida cos Premio Mestre Mateo e María Casares como mellor actriz de reparto en 2021 e 2019, respectivamente, e no Festival Cinespaña de Toulouse como mellor actriz (2016), e co Premio Ibérico de Interpretación María Sieiro nos anos 2009 e 2010.

Ademais, Marta é autora de textos teatrais como O crime da Orca Vella (2021, teatro radiofónico), Agora mandamos nós (2018, adaptación de Asemblea de Mulleres, de Aristófanes), A pouco coñecida e algo canalla versión fisterrana do entremés famoso sobre o conflito da pesca no río Miño tamén coñecido como a contenda dos labradores de Caldelas (2017, unha adaptación do entremés de Gabriel Feixó de Araújo). A súa sinatura está presente tamén nos guións de Señora (curtametraxe de 2018), Dálle Jas (webserie, 2014), Dinamo (curtametraxe, 2014) e Sant&Company (curtometraxe, 2011).

FARIÑA. Actualmente esta artista e creadora da Costa da Morte está de xira por España coa obra teatral Fariña, coa que seguen a encher teatros alí onde van, agora que xa están autorizados os aforos completos. Asegura que foi “moi emocionante” poder volver a a ver os teatros cheos, “pois aínda que antes se vendían todas as entradas dispoñibles era terrible ver as cruces nas butacas que tiñan que estar baleiras por mor das restricións a causa da pandemia”.

17 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.