Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A obra presentouse no Museo da Historia de Valga // Esta publicación inclúe 800 ilustracións, das que 56 son orixinais feitas polo autor, e tamén documentación de diferentes países do mundo // Trata de restituír a dignidade da artista TEXTO M. Boo

Martínez Coello repasa a vida da Bella Otero nun novo libro

A Bella Otero segue a levantar paixóns 154 anos despois do seu nacemento –que se cumpriron o pasado luns–, e para mostra a obra que se presentou este martes no Museo da Historia de Valga: o libro titulado A Bela Otero, do que é autor Miguel Ángel Martínez Coello, quen nas súas páxinas trata de afondar na biografía da admirada bailarina valguesa, que foi quen de brillar no París da Belle Époque.

O acto contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, ao que acompañaron os concelleiros de Cultura e Educación de Valga, Pedro Calvo e Carmen Gómez, respectivamente.

Froito de anos de investigación e busca de documentación, o libro consta de 54 capítulos, 800 ilustracións (entre elas 56 orixinais feitas polo propio autor) e documentos de países coma Estados Unidos, Francia ou Australia, entre outros. En total, 360 páxinas nas que se aborda a vida e traxectoria da desexada artista, á que Martínez Coello quere poñer en valor coma unha muller emprendedora, coa súa propia personalidade e á que non lle importou enfrontarse con nada.

“Hai anos fascinoume a súa lenda e comecei esta investigación que me foi atrapando, co obxectivo de descubrir a esencia de Carolina Otero. Pero atopeime con que a maioría das publicacións sobre a súa figura estaban baseadas nun mundo de lenda e fantasía que pouco tiñan que ver coa realidade”, explicou o autor, que co seu traballo trata de “poñer no lugar que lle corresponde a unha das mulleres máis interesantes da historia de Galicia e do mundo”.

O secretario xeral de Política Lingüistica referiuse á Bella Otero coma “unha das mulleres máis ilustres que deu Galicia” e dela dixo que “necesita un tratamento especial, despois de que a súa figura fora silenciada e vilipendiada durante moito tempo, porque brillou nunha época na que non era habitual nin doado que unha muller destacara”.

Aproveitou Valentín García a súa intervención para felicitar a Miguel Ángel Martínez Coello por contribuír a “restituír a imaxe e a dignidade” desta muller pioneira.

Na mesma liña, o concelleiro de Cultura de Valga, Pedro Calvo, quixo agradecer a este e a outros autores que sigan investigando “para desvelarnos a historia da nosa artista máis internacional” e para “deixar atrás o estigma que a perseguiu durante tanto tempo.

22 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.