Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Celebracións. Fisterra acollerá o concurso de disfraces o martes no porto // Zas convida a degustar filloas á pedra // Camariñas e Carballo enterrarán a Sardiña e en Muxía, o Percebe // Malpica despedirá ao Farruco e ao Faustino TEXTO J. Ramos

Máscaras, doces e música no Entroido da Costa da Morte

As máscaras de Entroido deixaron nun segundo plano aos tapabocas sanitarios e volveron ás rúas e prazas da Costa da Morte, onde pequenos e maiores amosaron que estaban desexosos de volver celebrar esta festa tan tradicional. Aínda que coas limitacións que restrixen a plena normalidade, o humor, a sátira e a creatividade foron os protagonistas dos desfiles e concursos celebrados de norte a sur.

En Fisterra, onde celebran o Entroido máis tradicional da Costa da Morte, tivo lugar o sábado unha concentración de comparsas, que desfilaron pola vila acompañadas da música de Rapacollon’s Big Band e a Charanga TNT. O mítico Roberto Traba Velay foi o encargado de ler o pregón.

A festa continuou o domingo con pasarrúas e un concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona. O martes día 1, a partir das 17.00 horas, celebrarase un concurso de disfraces no porto fisterrán. Poderán participar nenos e maiores, e haberá obradoiros de chapas e degustación de chocolate con churros.

Vimianzo celebrou o sábado un animado concurso de disfraces con actuacións musicais e este martes, día 1 de marzo, Mamá Cabra ofrecerá o concerto A música das Buguinas, na casa da cultura, a partir das 18.30 horas. En Zas tamén viviron unha fin de semana intensa con pasarrúas e cantos de taberna, un serán de Entroido na nova praza de Baio no que non faltaron os desfiles e a música. Este martes día un de marzo celebrarase o concurso de disfraces no pavillón da capital municipal a partir das 16.00 horas. Haberá un espectáculo de cabaré infantil e repartiranse filloas á pedra.

Tamén en Camariñas haberá baile de disfraces este martes día 1. Será no pavillón Víctor Vigo, de 16.00 a 20.00 horas, e inclúe música en directo a cargo do dúa Charada, inchables, filloas e chocolatada. O Entroido rematará o mércores día 2 co tradicional Enterro da Sardiña, que sairá de Camariñas ás 12.00 horas e percorrerá Xaviña, Arou, Camelle e Ponte do Porto. O funeral será ás 18.00 horas na Praza do Mercado e os asistentes poderán combater o frío con chocolate e churros.

Ao outro lado día ría, en Muxía, continúan ata o mércores día 2 os obradoiros de Entroido no multiusos da Camposa, e o sábado, día 5, ás 17.00 horas, terá lugar o xogacontos A festa da iguana. O broche final chegará co Enterro do Percebe.

En Dumbría comezan este luns, día 29, as Xornadas Entroideiras, con obradoiros de máscaras e doces na capital municipal e Olveira, e continuarán o martes en Berdeogas e Buxantes e o mércores en Bustelo e O Ézaro.

Na comarca de Bergantiños, o Concello de Malpica é o que acolle unha maior actividade entroideira. Este luns haberá actividades deportivas, un campamento infantil en Seaia e o mago Charlangas actuará en Buño, no pavillón do colexio, ás 17.00 horas.

O martes impartiranse obradoiros de cociña para nenos e nenas de 7 a 12 anos. Como é costume, o Domingo de Piñata, 6 de marzo, por Cerqueda desfilarán os Madamitos e Ghuardineros, en Seaia recibirán ao Farruco e na capital municipal terá lugar o Enterro do Faustino.

Ponteceso viviu o domingo o desfile Ponte Entroido e este martes, día 1, a festa trasládase a Corme, onde haberá un baile de disfraces ás 17.30 horas no polideportivo local.

Pola súa banda, en Carballo as animacións de rúa e os obradoiros desenvolvidos na fin de semana terán continuidade este luns na Biblioteca Rego da Balsa. Este martes día 1, a Cía. Moc Moc e a charanga Santa Compaña animarán a vila antes do Enterro da Sardiña, que será no palco da música do Parque do Anllóns ás sete e media da tarde.

28 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.