Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Melide honra no patrón aos colectivos clave na loita contra a crise sanitaria

Tralos anos máis duros da pandemia volveron a concederse as medallas de ouro // Sanitarios, profesorado ou forzas de seguridade foron algúns dos galardoados

Melide viviu este mércores 29 as festas en honor ao seu patrón San Pedro con varias actividades e un especial recoñecemento para o persoal que traballou en primeira liña para reducir os efectos da pandemia. De feito, foi nesta edición cando se retomou trala crise sanitaria a entrega de medallas, e fíxose poñendo en valor a varios colectivos profesionais e sociais. A entrega tivo lugar nun acto institucional que se fixo ás 12.00 da mañá na casa consistorial.

O Concello fixo pública unha declaración institucional con este motivo que foi asinada polos grupos políticos representados no mesmo. Dita declaración sinala como galardoados polas medallas deste ano ao persoal sanitario da área sanitaria melidá, así como o persoal de coidados, axuda a domicilio e dependencia municipal e das residencias da terceira idade do municipio.

Recoñece asemade ao persoal de obras e servizos polos seus labores de desinfección de espazos públicos, así como as forzas e corpos de seguridade como a Policía Local, Protección Civil e a Garda Civil. Estas insignias premian tamén o traballo, recolle a declaración, do persoal docente e alumnado dos centros educativos, e das e os dependentes de supermercados, farmacias e comercios, salóns de peiteado, servizos funerarios, medios de comunicación, estancos e quioscos. Por último, resulta tamén galardoado o equipo técnico dos servizos sociais municipais.

Ante o elevado número de persoas distinguidas, a imposición de medallas non se levou a cabo a título individual. Iso si, na entrada do Concello situouse unha medalla honorífica e unha placa coa relación de premiados. Sen dúbida, un recoñecemento que lembra os anos máis duros da pandemia pero tamén a capacidade de superación colectiva das adversidades.

Pero a parte deste acto, durante a xornada festiva os melidenses desfrutaron do pasarrúas de Herba Grileira, da tradicional procesión e do concerto da Banda da Escola de Música de Visantoña.

30 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.