Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Modernizan a unidade de endoscopias do Barbanza

A Xunta destina seiscentos mil euros a mellorar o mobiliario e o equipamento tecnolóxico da área do hospital comarcal

A Xunta de Galicia adxudicou a compra do equipamento tecnolóxico e de mobiliario para a nova área de endoscopias do hospital comarcal do Barbanza, cun orzamento de seiscentos mil euros.

Este investimento en equipamento tecnolóxico, mobiliario e obra suporá un gran avance na atención sanitaria aos doentes do distrito sanitario do Barbanza e máis comodidade para profesionais e usuarios. A esta mellora tecnolóxica engádese o incremento substancial da superficie dedicada á realización de endoscopias dixestivas.

Gran parte do contrato, que foi adxudicado por 400.000 euros, é susceptible de financiación ao cen por cen pola Unión Europea no marco do eixo React-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Os tres lotes licitados inclúen un sistema de endoscopia dixestiva, un bisturí eléctrico dixestivo e monitores de parámetros fisiolóxicos básicos.

O lote integrado polo sistema de endoscopia dixestiva está conformado por unha torre de endoscopia dixestiva e os equipos de reprocesamento consistentes en dúas lavadoras que teñen como fin a desinfección dos endoscopios e tamén conta cun armario de secado e almacenamento esterilizado dos endoscopios unha vez desinfectados na lavadora, ademais de catro monitores multiparamétricos de última xeración. A adquisición da alta tecnoloxía engádese á compra do mobiliario, xa instalado na unidade.

A OBRA ESTÁ CASE LISTA. O investimento en tecnoloxía e mobiliario que se vai levar a cabo nesta ocasión súmase ao custe das obras, xa practicamente rematadas e pendentes de comprobación finais, de arredor de 200.000 €, que proporcionará unha mellora sustancial na calidade e confortabilidade desa área, así como a modernización dos procesos de asepsia e mellores condicións tamén para os profesionais.

Por outra banda, os preto de 130 metros cadrados que pasará a ocupar suporán un considerable incremento respecto á ubicación actual.

Estes investimentos complementan as obras acometidas no servizo de Urxencias do hospital comarcal do Barbanza, que supuxeron un incremento dun corenta por cento da súa superficie grazas a un investimento de 1,7 millóns de euros, entre outras melloras no centro.

10 ago 2022 / 15:07
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.