Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
MELLORAS. Portos está renovando o pavimento das estruturas, ampliando as prazas de amarre e saneando os pilotes // Instalarán escaleiras abatibles, sistemas de apertura por teléfono móbil e torretas de auga e enerxía eléctrica TEXTO Suso Souto

Modernizan con case un millón de euros os pantaláns da Pobra

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a investir 940.000 euros nas obras de renovación e mellora dos pantaláns para profesionais do porto da Pobra do Caramiñal. A presidenta do ente público, Susana Lenguas, visitou este mércores os traballos, que se atopan actualmente en execución.

Esta actuación enmárcase nun contrato conxunto para os portos da Pobra, Rianxo e Sada, por importe de dous millóns de euros. O obxecto das obras proxectadas é a modernización das instalacións aboiantes mellorando a seguridade e a accesibilidade ás embarcacións, ademais de optimizar a utilización das augas abrigadas.

Polo que respecta ao porto da Pobra do Caramiñal, actualmente estase procedendo á renovación integral do pavimento dos pantaláns pesqueiros e mexilloeiros e da pasarela, substituíndo o existente por outro de madeira tecnolóxica, de maior duración e resistencia.

Os traballos suporán deixar habilitadas arredor de 180 prazas de amarre tras a instalación de fingers de maior tamaño, co obxectivo de crear prazas de maiores dimensións, máis axeitadas para a fro-
ta que opera nestas instalacións.

As obras previstas inclúen tamén a retirada do tren de fondeos, saneamento dos pilotes e subministro de escaleiras abatibles e balizas para a punta dos pantaláns. Finalmente dotarase aos pantaláns de sistema de apertura por móbil e poranse en funcionamento as torretas de auga e de enerxía eléctrica.

Durante a súa visita á Pobra do Caramiñal (na que estivo acompañada polo alcalde, Lois Piñeiro; o patrón maior, Enrique Maceiras; e o portavoz municipal do PP, Manuel Durán), Susana Lenguas referiuse tamén ó proxecto de dragaxe da dársena na que están instalados os pantaláns para as embarcacións bateeiras, dado que, cando baixa a marea, o calado é insuficiente e non poden atracar. O mesmo ocorre cando chegan moi cargadas. Un problema que as obriga a amarrar no porto ou a quedar no extremo do pantalán.

Ao respecto, dixo que a viabilidade de todas as dragaxes da franxa litoral ao sur de Muros está condicionada pola decisión do Ministerio de Transición Ecolóxica de non permitir máis depósitos de áridos no punto de depósito que viña sendo autorizado con carácter recorrente desde 1998 no exterior da ría de Arousa, por fóra da illa ribeirense de Sálvora, ata a presentación dun estudo de alternativas.

SETENTA FINGERS EN RIANXO. Por outra banda, a presidenta de Portos de Galicia informou tamén da evolución dos traballos no porto de Rianxo. Neste caso, as obras están tamén en execución cun orzamento de 200.000 euros. A actuación pasa por ampliar lixeiramente os pantaláns pesqueiros para a instalación de máis de 70 novos fingers habilitando unhas 150 prazas e eliminando o tren de fondeo.

Ademais, renovarase integralmente o pavimento aplicando madeira tecnolóxica nos pantaláns e na pasarela, instalaranse escaleiras abatibles e unha baliza ao final da estrutura, así como un sistema de apertura das portas co móbil.

Finalmente limparanse os flotadores e sanearanse os pilotes.

delegribeira@elcorreogallego.es

a protagonista
“Estudamos a viabilidade de canais para as correntes”
Susana Lenguas
Presidenta de Portos
de Galicia

A construción do muelle comercial da Pobra, a súa posterior ampliación e o recheo que hoxe é un aparcamento tiveron importantes consecuencias no marisqueo, pois esas instalacións cortaron o paso das correntes entre as praias do Areal e Raposiños. A confraría leva anos reclamando a apertura de canais de corrente baixo o vial de acceso ó muelle comercial. Ó respecto, Susana Lenguas dixo que “estamos estudando a viabilidade desa actuación”.

{ a letra pequena }
Adaptarse ás necesidades
Suso Souto

A PRINCIPAL MISIÓN de Portos de Galicia é facer e, por suposto, manter en boas condicións, as instalacións necesarias para o desenvolvemento das actividades dos mariñeiros y mariscadores dos portos da súa competencia. Debe facelo, ademais, planificando esas actuacións de maneira que se vaian facendo en consonancia coas necesidades que o sector do mar ten en cada momento. E se a iso se engade que cada actuación debe priorizarse en función das posibilidades orzamentarias, probablemente se entenda mellor o alcance do investimento que Portos está a facer estes días na Pobra. Quedan, iso si, moitas cousas pendentes, como a dragaxe da dársena. Está tardando máis da conta o estudo de viabilidade. E é unha necesidade.

17 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.