Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Moncho Reboiras xa ten unha rúa que leva o seu nome no seu Dodro natal

A localidade de Dodro viviu un día emotivo. O equipo de goberno municipal en pleno desprazouse á aldea de Imo para inaugurar a rúa Moncho Reboiras, dando forma ó aprobado nun acordo plenario do pasado mes de xuño.

O modesto acto institucional comezou logo de que un grupo de gaiteiros dera alboradas pola renomeada estrada AC-350 ata deterse no número 73 da casa familiar da que saíu hai corenta e sete anos o corpo do asasinado Pepe de Loureiro para o cemiterio parroquial.

O primeiro en pronunciar o discurso foi o promotor da rúa, o portavoz nacionalista do BNG, Xoán Bautista Mariño, quen agradeceu, como no pleno de xuño, a xenerosidade dos demais grupos do goberno –PSOE e UV– que fixeron posible que se dera en Dodro outro feito democrático deste goberno, neste caso a recuperación da Memoria Histórica do país.

Na súa intervención, mencionou dun xeito moi resumido a vida do veciño asasinado no Ferrol polas súas ideas e traxectoria cultural, cívica, sindical e política como dirixente da UPG, unha formación hoxe integrada no BNG.

“Non é que puxéramos a andar a Moncho Reboiras como se ve no cartel; penso sinceramente que foi ao revés. El con outras persoas, que hoxe nos acompañan, foron as que defenderon a bandeira da liberdade nunha Galicia asoballada e que non sería hoxe a mesma se non existira ese enorme traballo na defensa do pobo galego”, sinalou.

A bandeira galega ao ritmo da Marcha do Antigo Reino de Galicia destapou o nome da rúa coa axuda de Manolo, o irmán do homenaxeado, que con anterioridade dirixiu unhas palabras emocionadas de agradecemento ao grupo de goberno. “Pepe estaría hoxe contento, non só pola placa, tamén por ver un goberno progresista en Dodro xunto pola defensa de todas as persoas que sufriron a longa noite de pedra de corenta anos de ditadura”, sinalou.

O encargado de pechar esta emotiva inauguración dunha rúa foi o alcalde de Dodro, Xabier Castro, quen na súa intervención dixo que “pese a recordarmos un día triste, é un acto no que se fai democracia e temos que seguir defendendo a liberdade”.

Entre as persoas asistentes estaban, aparte do irmán, familiares do homenaxeado; responsables da UPG; o presidente da Fundación Moncho Reboiras, Suso Seixo; representantes do sindicato nacionalista; e un nutrido grupo da executiva nacional do BNG, comarcal e local.

Achegáronse tamén a Dodro compañeiros do homenaxeado, como Lois Ríos ou Xosé M. Pavón, concelleiras e concelleiros, aparte doutros dirixentes nacionalistas de todo o país, a parlamentaria Rosana Pérez e o deputado provincial Xosé L. Penas.

14 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.