Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Xoana Almar, Lula Goce, Laura Iturralde, Basilisa Fiestras, Ness Morais, Virginia Bersabé e Tamara Alves recollen experiencias para transformar a aldea silledense // A finais de maio presentan os proxectos que desenvolverán no verán TEXTO S. E.

‘Mulleres Extramuros’ encherá o lugar de Cortegada de arte mural

A Deputación de Pontevedra deu o pistoletazo de saída en Silleda a Mulleres Extramuros, que vén de comezar coa primeira fase deste pioneiro e revolucionario proxecto que encherá de arte mural o núcleo de Cortegada, no municipio de Silleda. Durante a última fin de semana de marzo a aldea concentrou xa a artistas da talla de Xoana Almar, Lula Goce, Laura Iturralde, Basilisa Fiestras, Ness Morais, Virginia Bersabé e Tamara Alves que conviviron coas mulleres do lugar para intercambiar experiencias e historias que inspiren despois os proxectos artísticos que transformarán muros e lugares de Cortegada.

Trátase de volver a ollada cara á memoria simbólica, escoitar e situar ás persoas no centro, convivir con elas, e implicar e imbricar a arte na vida. En definitiva, un escenario de encontro entre artistas e veciñanza, entre creación e territorio rural, acollendo creadoras de recoñecido prestixio e traxectoria, para recuperar o espazo público desde o activismo pola igualdade.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asistiu ao acto de arranque do proxecto, acompañada polo alcalde de Silleda Manuel Cuíña, as artistas e as veciñas da aldea coas que compartiron unha “chocolatada”. Xa pola tarde, visitaron a parroquia, coñecendo lugares de interese e localizando posibles espazos de intervención. “Este é un proxecto moi especial, único, que persegue que a veciñanza de Cortegada, moi particularmente as mulleres, xunto con valiosísimas mulleres da arte traballen e constrúan xuntas para transformar a vila. Non me podo crer o que está pasando hoxe aquí”, asegurou unha emocionada Carmela Silva no centro sociocultural. A presidenta, que lembrou as súas orixes, non ten dúbidas de que este proxecto “vai facer famosa a Cortegada” e amosou a vontade de facer que “se coñeza en todo o Estado como un elemento dinamizador, de diálogo, participativo”. Por estes motivos adiantou que “imos intentar que veña o secretario de Estado de Reto Demográfico, porque queremos divulgar este tipo de actuación de colaboración, de creación conxunta e posta en valor do rural”.

Pola súa banda as artistas, que detallaron o proceder na súa obra artística e as liñas de traballo que desenvolven, agradeceron poder participar nesta “brutal” experiencia conxunta de convivencia e interacción coa veciñanza de Cortegada a través da cal se crearán pezas artísticas que deixarán “unha pegada de nós mesmas e o noso corazón”. Afirmaron, ao tempo que agradeceron á institución provincial o feito “de coidar os tempos, de darnos a oportunidade de coñecernos entre nós, de convivir, de escoitar para respectar ao máximo as historias e identidade de Cortegada”, o seu desexo de que o proxecto se repita en todas as zonas rurais de Galicia.

O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, expresou o seu agradecemento á Deputación por escoller Cortegada para “unha actividade tan fermosa e pioneira en Galicia, que nos ilusiona tanto e que pon en valor ás mulleres do noso rural”.

Tras esta primeira etapa, as artistas traballarán nos seus proxectos para Cortegada, que serán presentados a finais de maio. Cada unha creará un proxecto específico de intervención artística para o núcleo rural en función das historias e vivencias alí experimentadas.

Xa a comezos de verán, as artistas regresarán á aldea, onde estarán entre dez e quince días desenvolvendo cadanseu proxecto, inspirados e creados única e exclusivamente para Cortegada e que se poderán ver no mes de xullo. Finalmente, no outono presentarase un catálogo e un vídeo da actividade que ten previsto continuar, o vindeiro ano, noutro núcleo rural da provincia.

18 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.