Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Muros cambia o ritmo da marcha co primeiro orzamento en 6 anos

Inés Monteagudo quere regularizar a situación laboral “caótica” dos traballadores municipais

“Agora estamos en condicións de avanzar considerablemente na xestión contable e administrativa para sacar adiante importantes proxectos”, sinala a alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo (PP), inmersa xa na tarefa de empezar a executar os primeiros orzamentos municipais dos que dispón o Concello dende hai seis anos. “Agora normalízase unha parte importante da xestión”, manifestou.

A rexedora bota a vista atrás para lembrar que a súa antecesora, María Xosé Alfonso, “non presentou orzamentos; só fixo un amago presentando un cadro de investimentos”. Esta semana, a negociación do goberno local co PSOE (introducindo no documento económico varias das súas suxerencias, así como a relación das obras aprobadas xa en pleno) tradúxose no apoio dos socialistas á aprobación definitiva dunhas partidas por importe de 7,8 millóns de euros, que reserva 1,9 para investimentos. BNG e CxG votaron en contra.

No horizonte máis inmediato están xa “obras tan importantes como o saneamento do núcleo de Abelleira, por máis de 300.000 euros; o aparcamento de Calo; ou a humanización da rúa Real”, sinala a mandataria, quen engade que “unha partida importante destinarase a regularizar a situación caótica do persoal municipal, que motivou a presentación de sesenta demandas no xulgado”.

O executivo local logrou que se frearan ou retiraran algunhas desas reclamacións xudiciais, precisamente de xeito condicionado ós novos orzamentos. “Ata agora non se podían contratar moitos proxectos que xa estaban listos. Por outra banda, o feito de non contar ata agora con partidas orzamentarias para actuacións que non estaban planificadas obrigábanos a realizar modificacións de crédito, o cal retrasaba todo”, explica Inés Monteagudo.

A alcaldesa engade que os orzamentos prorrogados de 2015 cos que se estaba traballando databan “de cando aínda non estaba en vigor a Lei de Contratos do Estado”.

Por outa banda, na última sesión plenaria prodúxose unha situación cando menos curiosa. O BNG acabou rexeitando a súa propia moción sobre apoio á diversidade sexual ao non aceptar a retirada de tres rogos, como pedía o PP en base a unha cuestión de forma. E, como os populares presentaran unha emenda nese sentido (expresando o compromiso de contribuír a integración e normalización da comunidade LGTBIQ+ favorecendo a participación de persoal municipal na atención e información axeitada a persoas deste colectivo), foi o goberno o que aprobou con ela a moción da que renegou o Bloque.

Os rogos consistían en habilitar na biblioteca un espazo específico sobre a diversidade sexual e activar un plan formativo para traballadores públicos e un punto de información sobre esa temática.

27 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.