Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
TURISMO. O divulgador sonense Rogelio Santos e a tiktoker muradá María Maceiras porán o acento no valor da sustentabilidade na pesca e o marisqueo // Proxectarase un documental con testemuños de tralladores do mar e da hostalería TEXTO Suso Souto

Muros-Noia preséntase en Fitur da man de dous eco-influencers

O xeodestino ría de Muros-Noia presentarase nesta edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur) cun formato diferente ao das promocións turísticas ao uso. Un vídeo con tratamento de documental será o encargado de mostrar aos asistentes (e tamén en streaming) o vínculo especial entre a sustentabilidade e a ría de Muros-Noia.

Unha longa serie de protagonistas contarán en primeira persoa como son as súas vivencias na relación co territorio. Deste conxunto de testemuños extráese a conclusión de que, desde tempo inmemorial, o marisqueo conformou unha relación especial, que tivo influencia en moi diversos aspectos, dando como resultado, por exemplo, a conservación dunha contorna litoral moito menos presionada que noutras zonas da costa galega.

Profesionais do marisqueo, a pesca, a hostalería ou a docencia son os encargados de poñer voz a unha comuñón co medio ambiente, que tan excelentes resultados produce.

Nesta ocasión asistirán como convidados dous dos eco-influencers máis coñecidos do país: o popular mariscador Rogelio Santos Queiruga, pioneiro da divulgación en redes sociais dunha forma de traballar que pon o centro na sustentabilidade, e María Maceiras, a moza muradá que lle secunda desde Tik Tok e que recentemente recibiu o Premio Nacional de Gastronomía, Talento Novo de España, de mans do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas.

O mariñeiro Rogelio Santos medrou entre aparellos e barcos, e a auga é o seu hábitat. “Eu sempre me sentín moi orgulloso da miña profesión, e agradecido á xente do mar en Galicia a través da historia porque é un traballo moi sacrificado e duro para os que están aquí e, para os que están fóra, aínda máis”, di.

Este é un dos motivos que o levou a narrar o seu día a día, amosando a través da pequena pantalla a gran riqueza das profundidades, tratando de concienciar sobre as boas prácticas e transmitindo un inmenso respecto polo medio ambiente.

María Maceiras, unha mariñeira de 22 anos que faena coa súa parella no Para los tres, con base en Muros, comparte o seu traballo diariamente a través da plataforma TikTok, onde desenvolve unha gran labor divulgativa, animando a preservar os recursos do mar.

Como complemento á presentación no stand de Galicia, os representantes da Ría de Muros-Noia farán unha serie de entrevistas e manterán contactos de traballo con xornalistas especializados en turismo e gastronomía.

BARBANZA-AROUSA. Pola súa banda, a Mancomunidade Barbanza-Arousa participará na próxima edición de Fitur cunha presentación no stand de Turismo de Galicia o mércores 18 ás 17.15. Acompañando cun audiovisual, a mancomunidade fará unha presentación apelando ás emocións dos visitantes; ás emocións de experimentar vivencias no destino durante todo o ano.

A presentación tratará das actividades de ocio, do Camiño de Santiago, da enoloxía e da enogastronomía, pero, sobre todo, dos lazos que se forxan entre os visitantes e a poboación local, compartindo experiencias, que quedarán no recordo das persoas que deciden vivir esta aventura no territorio de Barbanza-Arousa, formado polos concellos de Ribeira, Boiro, A Pobra e Rianxo.

Preséntase pois Barbanza-Arousa como un destino con moito que descubrir aínda, que ofrece actividades para todos os públicos durante todo o ano e que permite desfrutar de diferentes actividades nos eidos do turismo activo, cultural, natural, enogastronómico e festivo.

delegribeira@elcorreogallego.es

16 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.