Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Festival. Marcos Coll, SÉS, Los Enemigos e o Dj Mil actúan o sábado no campo Ara Solis // O domingo a House Band amenizará a travesía mariña // Esta quinta edición pecharase cunha jam session no hotel O Semáforo TEXTO Manuel Lavandeira

Música ao carón do Atlántico no quinto festival Fisterra Blues Experience

O festival Fisterra Blues Experience chega esta fin de semana á súa quinta edición, para a que conta co apoio económico da Xunta de Galicia a través da convocatoria extraordinaria de axudas para espectáculos musicais dentro da programación do Xacobeo 21-22.

A organización presentou este mércores o cartel que desenvolverá o sábado 18 e o domingo 19. Unha cita que busca ofrecer unha experiencia cultural e de ocio coa música e o Atlántico como protagonistas.

Esta quinta edición do Fisterra Blues Experience dará comezo o sábado coas actuacións no campo de fútbol Ara Solis de Marcos Coll Blues Reunion acompañado de Will Jacobs, Dorrey Lyles, Javier Vacas & Julian Vaughn (20.30 horas); SÉS (21.30 horas) e Los Enemigos (22.50 horas), nunha xornada que contará coa ambientación de Dj Mil. As entradas poden adquirirse a través da web www.enterticket.es e as portas do campo abriranse a partir das 19.30 horas.

O domingo, día 19, a programación completarase con Blues a bordo, unha travesía musical pola ría a cargo de Cruceros Fisterra amenizada pola banda residente Fisterra House Band. A comitiva partirá ás 11.30 horas. Despois, ás 13.30 horas no hotel O-- Semáforo terá lugar unha jam session protagonizada por Conexións atlánticas. En ambos casos as localidades xa están esgotadas, segundo avanzaron.

Dende a organización aseguran que este é “máis que un festival. É unha experiencia que nos trae o son do Atlántico, o blus. Fisterra é a fin da terra, a fin do camiño, o encontro coa inmensidade do océano. Un lugar onde se sinte doutra maneira, o lugar perfecto para o blues”. O encontro musical ofrecerá experiencias transformativas, interxeracionais, xeradoras de sentido “e curativas na fin do mundo”, afirman.

No acto de presentación, que tivo lugar no hotel O Semáforo, participaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o tenente de alcalde, Xan Carlos Sar; a concelleira de Cultura, Teresa Fernández, e Vítor Velho, de Nordesía Producións, promotora do festival fisterrán.

O responsable de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade subliñou a calidade desta proposta, que foi seleccionada como unha das 17 iniciativas adxudicatarias das axudas do programa Xacobeo, inseridas no Plan de reactivación cultural para contribuír á recuperación das promotoras musicais independentes fronte ao impacto económico da crise sanitaria. A Xunta distribúe 850.000 € entre 17 ciclos e espectáculos que se desenvolven nas catro provincias ata finais de ano e suman unhas 100 actuacións, tanto de artistas e grupos galegos como da escena nacional e internacional.

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a coincidencia de que o festival se celebre no último día en que a Costa da Morte acolle o derradeiro Solpor da Europa continental, “un feito que engade atractivo a esta iniciativa na que se busca o reencontro, a recuperación dos eventos culturais e unha experiencia que axude a gozar da música e dos paraxes, ademais dunha experiencia turística segura”.

Neste sentido, Vítor Castro destacou que o conxunto da iniciativa, que inclúe un concerto a bordo dun cruceiro costeiro, compón unha experiencia completa “na que a componente turística tamén está presente, facendo un binomio perfecto coa cultura, co Camiño e no marco deste Xacobeo 2021-2022 que estamos a celebrar”.

15 sep 2021 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.