Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
CULTURA. Seis xornadas promovidas polo Concello achegan, a través de conferencias e concertos, a riqueza das igrexas parroquiais aos veciños e visitantes // Este sábado, día 19 ás sete e media, a cita é no templo de Santo Estebo de Soesto TEXTO M. Lavandeira

Música e arquitectura para pór en valor o patrimonio de Laxe

O Concello de Laxe, en colaboración coa Deputación da Coruña, promove unhas Xornadas de Turismo Arquitectónico, Patrimonial e Cultural, que se desenvolven nas fins de semana deste mes nas igrexas parroquiais.

Son actividades pensadas “para poñer en valor o noso patrimonio, a nosa cultura e o noso turismo a través da música e a arquitectura dalgunhas das nosas igrexas máis senlleiras”, afirman dende o Concello.

En cada sesión celebrase un concerto e, media hora antes de cada actuación, o mestre de Xeografía e Historia, Luis Giadás, imparte unha charla sobre a arquitectura de cada templo. As primeiras xornadas tiveron como marco as igrexas de San Simón de Nande e San Mamede de Sarces, onde os asistentes desfrutaron dos concertos Caminhos cruzados e Esamble lulius XIII, respectivamente.

A próxima cita é o sábado, día 19 a partir das 19.30 horas, na igrexa de Santo Estebo de Soesto. Un templo románico de finais do século XII e primeiros do S. XIII cunha planta de salón formada por un prebisterio ou capela maior de forma rectangular e unha nave máis estreita, cuberto por unha bóveda de canón. Por medio dun arco triunfal, volteado sobre pilastras, accédese á nave. No primeiro tramo do muro norte abriuse unha capela lateral moi estreita: a da Virxe do Rosario.

Elementos todos eles, e algún máis, que poderán descubrir quenes asistan á xornada, que se complementará cun concerto de Vadim Yukhnevich, vocalista, acordeonista e compositor de orixe bielorruso afincado en Galicia dende 1999. Deleitará aos participantes cunha viaxe musical a través da xeografía mundial e o tempo, desde a música medieval ata o período Barroco. Será un concerto comentado con exemplos de obras mestras, con explicacións e anécdotas históricas sobre a creación compositiva.

O domingo, día 20, a cita é na igrexa de Santa María de Serantes, un templo reconstruído seguindo as trazas dun anterior románico, do século XIII. Conserva o lintel dunha das portes, cunha cruz inscrita nun círculo e unha data referida á era MC (ano 1162). Conta ademais cunha ara romana dedicada ao Dios celta Cosus.

A música na xornada domincial chegará da man de Pablo Rodríguez, un guitarristas coruñés, considerado pola crítica e o público como un dos máis grandes talentos españois da súa xeración.

Na última fin de semana do mes, o sábado 26, as xornadas trasládanse á igrexa de Santiago de Traba, de base estrutural románica, apreciable nos muros, na bóveda da ábsida e en elementos externos. A fachada foi obxecto dunha última reforma en 1716, cando se creou un retablo pétreo que abarca toda a súa parte central.

Clara Panas, que se formou como solista de canto, pianista, directora de coro e profesora de Linguaxe Musical en Moldavia, será a encargada de poñerlle música ao encontro.

O ciclo chegará ao seu fin o domingo, día 27, na capital municipal para achegar aos asistentes os valores arquitectónicos da igrexa de Santa María da Atalaia, a xoia da vila, de finais do século XV. No seu interior destaca, no altar maior, un friso medieval en pedra que recolle cinco escenas da Resurrección de Cristo, ademais dun Cristo pantocrator. Acolle ademais as tumbas dos primeiros Moscosos.

O último dos concertos correrá a cargo do Coro Infantil Xuvenil Cantabile, da Coruña, fundado por nenos e mozos de 8 a 30 anos, dirixido por Pablo Carballido del Camino. Centran o seu repertorio no Renacemento, o Barroco e o Clasicismo.

17 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.