Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Ponteceso. A Deputación conmemorou a data financiando un mural de Mutante Creativo e un concerto de Baiuca na aldea do Couto // Alpendres e eiras acollen a artesáns, poetas e músicos // A corenta edición remata este domingo TEXTO J. Ramos

Música e arte na celebración do Día da Provincia no Festiletras

A pequena aldea pontecesana do Couto acolle estes días a corenta edición do Festiletras, que este ano foi tamén o escenario elexido pola Deputación da Coruña para celebrar o Día da Provincia. Ata alí se desprazou este sábado o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, quen, na compaña do alcalde, Lois García, e do coordinador do festival, Xosé María Varela, percorreu os alpendres e eiras do pobo, que foron transformados en escaparates de poetas, científicos, músicos e artesáns que están a encher de vida e cultura o lugar durante catro días.

Regueira subliñou que “o que pasa aquí é un pequeno milagre dentro do territorio galego. Temos un medio rural no que custa moito que a xente enraíce, e no Couto non só enraíza senón que medra dunha maneira rexa e dun xeito saudable”.

Con motivo do Día da Provincia, a Deputación da Coruña, con cargo a dúas subvencións das áreas de Turismo e de Cultura, de 16.000 e 23.000 euros, respectivamente, financiou unha intervención de arte mural a cargo de Mutante Creativo na aldea do Couto, e tamén un concerto do grupo Baiuca.

Estaba previsto igualmente que na xornada de onte veciños e visitantes puidesen desfrutar dunha viaxe en globo aerostático, pero o forte vento do nordés impediu que puidese voar, segundo indicou o rexedor.

A maiores, a Deputación mobilizou ata a aldea pontecesana unha caravana informativa na que se podía ler o lema 956 Km de costa e un Camiño infinito dan para moito turismo. Dende a mesma divulgaron entre os asistentes ao Festiletras o labor de fomento que vén facendo o ente provincial tanto no ámbito cultural, como nos premios literarios, artísticos e musicais, ademais no dos festivais e outras actividades programadas a través da Rede Cultural provincial.

Asemade, déronse a coñecer os proxectos que está a desenvolver a área de Turismo na Costa da Morte, e nomeadamente, en Ponteceso, caso do Plan do Megalitismo.

Un complemento ao amplo abano de actividades programadas durante os catro días do Festiletras, no que están a ter cabida concertos, obradoiros, contacontos, artesanía e talleres científicos e literarios.

O sábado comezou a 40 Mostra de Artesanía, que continuará ao longo de todo o domingo, xornada de peche desta edición especial con motivo da conmemoración de catro décadas na defensa e promoción da lingua galega.

Neste último día, os que se acheguen ao Couto poderán desfrutar tamén dun novo encontro de Aldeas Singulares (11.00 horas); das actuacións de Oíma e Pan sen Fron, na Eira de Pailetes, a partir das 13.00 horas; e dunha sesión de Pasacabanotes amenizada por Xa era hora e Peliqueiros o Castrexos. Despois chegarán os concertos de Belén Tajes (16.00 h.) e Pandereteiras do Roncudo (17.00 h.). A esta mesma hora, na Praza do Quinteiro actuará a Banda de Música de Xinzo, que será presentada por Xuxo Souto.

Ademais continuarán as intervencións artísticas con Mutante Creativo, Cestola na cachola e Juan Rivas. O colofón ao 40 Festiletras chegará, a partir das 18.00 horas, con Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre. O concerto será no escenario Fundación Eduardo Pondal.

{ Pasaba por aquí }
Unha aldea que é capital
Manuel Lavandeira

Dende hai catro décadas, a aldea do Couto convértese cada ano en capital das Letras Galegas. O Festiletras foi medrando co paso do tempo e hoxe todos coinciden en destacar este encontro cultural como un referente en Galicia e máis aló. Só hai que ollar o cartel deste ano para comprobar que é moi difícil, por non dicir imposible, xuntar nun pequeno pobo a artistas, escritores e divulgadores como Quico Cadaval, Celso Fernández, Guti, Rodrigo Cuevas, Baiuca, Belem Tajes, Oíma, Zënzar, Xabier Díaz e as Adufeiras, Rosalía Fernández Rial, Juan Rivas, Rosa Aneiros, Miguel Mato, Suso Lista, Alexandre Nerium, Sabela Fernández, Erica Esmorís, Olaia Sendón e Omar Rabuñal, entre outros. E só en catro días. Que siga a festa.

O protagonista
“A implicación veciñal é algo incríble”

O alcalde pontecesán, Lois García, subliñou que “é unha marabilla o ambiente que se está a vivir nesta corenta edición do Festiletras”. Ademais dunha gran afluencia de xente, “hai que destacar a gran colaboración dos veciños e veciñas e tamén dos patrocinadores”.

Resaltou igualmente o gran labor que están a realizar os catorce mozos e mozas chegados de varios países, tres deles do lonxano Azerbaiyán, que están a participar na organización do festival dentro dun campo de traballo promovido pola Xunta. “Para eles tamén está a ser unha grandísima experiencia”.

04 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.