Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Música, ofrendas florais, poemas e certames na gran Festa das Letras

Vimianzo bailou ao ritmo das Tanxugueiras // En Noia lembraron a Florencio Delgado cun espectáculo de Serafín Marcos // Lousame volveu a reivindicar a figura do cura de Fruíme

O Día das Letras Galegas foi celebrado con multitude de propostas lúdicas e culturais en todo o ámbito de Área de Compostela. Música, lectura de poemas de Florencio Delgado Gurriarán, teatro, ofrendas florais, premios literarios e tamén actos reivindicativos encheron de contido a gran festividade do 17 de maio, na que se involucraron concellos, asociacións, colectivos culturais e sociais e a propia veciñanza da zona.

En Vimianzo poideron gozar, despois de ter que ser aprazado o luns debido ao forte vento, do concerto de Tanxugueiras, que foi seguido por unhas 3.000 persoas, que cantaron e bailaron con Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro na que foi a súa primeira actuación na Costa da Morte, enmarcada na Xira Midas.

As tres cantareiras deleitaron aos asistentes coa súa reinterpretación de sons dunha tradición milenaria, fusionándoa con ritmos urbanos que se atopan preto do trap ou da electrónica. A súa enerxía, o seu empoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vogal son os máximos expoñentes do seu innovador estilo: o trad.

En Cabana de Bergantiños, a Escola de Vela albergou unha xornada chea de actividades de diversas disciplinas culturais para todos os públicos. O Concerto das Letras, a cargo da vocalista de Luar na Lubre, Irma Macías, co acompañamento instrumental de Xaquín Rama, amenizou desde os primeiros compases da mañá a xornada. Despois, o alumnado da escola municipal de teatro interpretou ante todas as persoas congregadas a obra O parrulo e as flores, antes de render tributo ao autor homenaxeado deste ano, Florencio Delgado Gurriarán, coa lectura dalgúns dos seus versos máis senlleiros.

Desde o goberno local destacan a importancia deste tipo iniciativas “para reivindicar as nosas letras e achegar as diferentes vertentes culturais á veciñanza do municipio. É un verdadeiro pracer contar con profesionais da cultura e sobre todo coa implicación de todas as persoas que fixeron posible esta fantástica xornada’’, sinalan.

Pola súa banda, en Noia conmemoraron a festa das letras cunha ofrenda floral na Alameda ante os bustos de Antón Avilés de Taramancos e María Mariño.

Posteriormente, a choiva obrigou a trasladar o resto de actos ao Coliseo Noela. Alí o artista Serafín Marcos presentou o espectáculo Coa ledicia de voltar, no que lembrou ao escritor Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado este ano. Tamén subiron ao escenario as integrantes da Escola de Danza Oitos, que ofreceron a montaxe O nacemento duns versos. As actividades remataron cun concerto a cargo da Banda de Música Cultural Vila de Noia.

En Lousame , un ano máis, o Concello reivindicou a dedicatoria dun Día das Letras Galegas á figura de Diego Antonio Zernadas de Castro, máis coñecido como o cura de Fruíme. Unha demanda reiterada durante a tradicional ofrenda floral diante do busto dedicado a Zernadas de Castro a carón da igrexa.

A ofrenda foi realizada pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, quen estivo acompañada polos concelleiros de Obras, Ramón Martínez Rial, e de Relacións Veciñais, José Antonio Ces Barreiro. Silvia Agrafojo sinala que “a nosa reivindicación é firme: Zernadas de Castro é a maior figura literaria galeguista do seu tempo e merece que se lle dedique un Día das Letras Galegas”.

Seivane pregoneou e participou na ofrenda das Letras na Estrada
A choiva obrigou a trasladar algúns dos actos ao interior
do Teatro Principal

A choiva obrigou ao Concello da Estrada a trasladar a lectura do pregón e algúns dos actos programados para conmemorar o Día das Letras Galegas ao Teatro Principal, unha xornada que tivo como protagonista a gaiteira Susana Seivane, que foi a encargada do pregón e da ofrenda.

As actividades xa comezarán o luns, 16 de maio, ás 20.30 horas no Teatro Principal, coa representación de balde Tras os vieiros de Florencio da compañía Fantoches Baj, que amosou a traxectoria persoal e a obra do autor homenaxeado este ano, Florencio Delgado Gurriarán.

Xa o día das Letras Galegas, o martes 17 de maio, ás 12.00 horas na alameda municipal, tivo lugar a ofrenda floral diante do monumento dos irmáns Valladares, na que participou a gaitera Susana Seivane xunto o alcalde da Estrada, José López. Campos.

Despois trasladaronse ao Teatro Principal onde tivo lugar o tradicional acto institucional coa lectura do pregón a cargo da gaiteira Susana Seivane. Posteriormente actuaron a propia gaiteira e a banda de Gaitas de Barbude.

Uns días antes, o Mome acolleu a presentación do libro publicado por Edicións Fervenza Camelias de amor, da escritora Rosalía Morlán e ilustrado por Amalia López Brea, Luchi. No acto estiveron o normalizador lingüístico, Xosé Lueiro; o profesor e escritor Xosé Luna e a concelleira, Amalia Goldar.

Festa da Lingua en Padrón coa entrega do Rosalía de Castro
Manuel López recolleu o premio e alumnado do Macías Namorado leu varios poemas

Padrón. O Concello de Padrón sumouse á conmemoración do Día das Letras Galegas coa celebración da VII Festa da Lingua, que contou no auditorio padronés coa participación do alumnado dos IES Camilo José Cela e Macías o Namorado. No transcurso desta cerimonia, a concelleira de Cultura de Padrón, Lorena Couso, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, fixeron entrega do premio do VIII Certame Poético Rosalía de Castro, que recaeu no autor noiés Manuel López Rodríguez.

Manuel López fíxose merecedor do galardón grazas á súa obra Neste mesmo intre, nun certame ao que concorreron preto dunha vintena de poemarios. O xurado, presidido polo alcalde, Antonio Fernández, e integrado pola concelleira Lorena Couso, Anxo Anqueira,o profesor de literatura Manuel Lorenzo Balerión e os poetas Rafa Vilar, Elvira Ribeiro e Miriam Ferradáns, valoraron a “gran riqueza de imaxes contida nas páxinas do manuscrito”.

Durante a Festa da Lingua, os alumnos e alumnas de secundaria asistentes participaron nun acto no que se leron poemas e se interpretou música como forma de celebrar a rica herdanza literaria padronesa. Xa pola tarde, tivo lugar o concerto para público familiar A miña lingua, a túa lingua, a cargo de Oviravai.

Premios
‘Cruz(eiro)’ do noiés manuel López gaña o poeta añón en outes

O noiés Manuel López Rodríguez é o gañador do XXVI Certame Francisco Añón de poesía, convocado polo Concello de Outes, na categoría de maiores de 18 anos. A obra coa que obtivo este galardón, que está dotado con 1.500 euros e a publicación da mesma, titúlase Cruz(eiro).

O xurado destacou “a achega que o autor fai pola mestura de xéneros, cunha grande aposta estrutural e arquitectónica do traballo; ao tempo tamén é capaz de formular unha estrutura conexa, e é esta a columna vertebral que sostén o poemario”.

Os poetas Jesús Castro Yáñez e Sara Plaza Moreno; Fátima Rodríguez Ruibal, profesora de Lingua e Literatura Galega e coordinadora do club lectura do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño; e Pedro Lamas Carral, profesor de ensino secundario e dinamizador cultural, foron os encargados de seleccionar a obra gañadora do certame.

Asemade, os traballos titulados Refén e Facsímile, de Mercedes Rodríguez Bolaño (A Coruña) e Benjamín Vidal Estévez (Baiona), respectivamente, recibiron un accésit que permitirá a publicación das obras.

Paula Carballeira leva o maior recoñecemento ao teatro dende Brión

Paula Carballeira (Fene, 1972), actriz e escritora, recolleu o IV Premio Laudamuco para textos teatrais en galego, que lle foi entregado pola concelleira de Cultura de Brión, Sandy Cebral Gómez, durante un acto celebrado na noite deste luns, coincidindo co 44 aniversario da posta en escena de Laudamuco señor de ningures, obra de Roberto Vidal Bolaño que marca o nacemento do teatro profesional galego.

Paula Carballeira, actualmente residente en Teo, concorreu ao certame coa obra Dentes de coello, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da súa obra, cuxos primeiros exemplares foron entregados este luns entre o medio cento de asistentes. Unha edición realizada por Edicións Positivas que, xunto coa Academia Galega de Teatro, colaboran co Concello de Brión “nesta viaxe de poñer en marcha e manter o premio anual máis importante do teatro en galego”, dixo Cebral.

No seu discurso, unha emocionada Paula Carballeira agradeceu aos impulsores desde premio o seu esforzo, xa que é importante para a cultura galega e para os escritores.

Galdardóns á creación literaria dos escolares do concello ceense

O Auditorio Baldomero Cores de Cee foi escenario do acto de entrega dos premios dos concursos literarios que organiza a Biblioteca Municipal Francisco Mayán. Estivo presidido pola alcaldesa Margarita Lamela; os concelleiros Emilia Trillo e Juanma Buiturón; o responsable da biblioteca, José Ramón Rey, e o técnico de Cultura, Víctor Castiñeira.

Aa obras premiadas do XXXI Concurso Literario de Achegamento ó Libro foron O trasno máxico de Asier Triñanes Lestón; Dúas amigas atrapadas nun libro, de Sira Simón Piñeiro; O gato perdido, de María Domínguez Túñez; Os animais van ao cole, de Sofía Paz Pazos; Os irmáns e as pinturas máxicas, de Carmen González Oliva; Brais sen Wifi, de Adrián Soto Riera; A historia maravillosa, de Lara Mosquera Leis; e A mellor das veciñas, de Ada Martínez Outes; O conto que nos papou, de Ían Canosa Domínguez; e A lectura, de Gaizka Lago Elorza.

No tocante ao XVIII Concurso En Busca do noso marcapáxinas a obra gañadora foi Ler, ler e ler...é o meu superpoder, de Antón Sambade Vázquez, do Colexio Manuela Rial Mouzo. Neste certame tamén se outorgaron accésits ás obras En cada libro un mundo novo, de Uxía Iglesias Neu, do Colexio Eugenio López, Pérdete na lectura, de Jorge Méndez Alvariño, do Colexio Manuela Rial, e Árbore de letras de Ana Paz Canosa, do Colexio Eugenio López

A choiva non augou a festa no Barbanza, nunha xornada con debuxos e moita animación na rúa

A Pobra-Ribeira. No Barbanza, o mal tempo non conseguiu augar a gran festa das Letras Galegas, que na Pobra comezou coa inauguración dunha mostra no paseo da alameda dedicada a Florencio Delgado Gurriarán, na que tamén hai paneis sobre os autores que o precederon como homenaxeados nesta data. Asimesmo, tivo lugar unha lectura de poemas por parte de Eiradela, e os grupos de música tradicional Caraveiros, Trécola e Xiada animaron as rúas. Nesta localidade os actos programados no Mes das Letras continúan este mércores, Día Internacional dos Museos, ca estrea no Museo Valle-Inclán da exposición dos carteis de todas as edicións das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán celebradas ao longo dos vinte e tres anos de traxectoria.

Pero a vida e a obra de Florencio Delgado serán tamén protagonistas o vindeiro sábado 21 no Cantón da Leña, ás 12.30 horas, coa Primavera das Letras da Real Academia Galega, que consistirá no obradoiro Coloreando con Florencio e no contacontos Son o poeta que cruzou o océano, con texto de Ledicia Costa e ilustración de Blanca Millán.

Ese mesmo día, pola tarde, terá lugar un concerto da coral Abrente, titulado Cantos de aquí e acolá, organizado pola Asociación de Amas de Casa, a partir das 20.00 horas, no Teatro Elma da vila.

E en Ribeira a choiva obrigou a desprazar este martes ó auditorio municipal o espectáculo Polo correo do vento previsto para o mediodía na praza consistorial. A animación de rúa correu a cargo de Saraghallada pola mañá.

Tamén na parroquia ribeirense de Aguiño se celebraron as actividades organizadas pola asociación Francisco Lorenzo, consistentes nunha xornada de debuxo (na que participaron máis de cen nenos e nenas), inchables, un taller de globoflexia e o espectáculo Unha terra chea!, de Truque Matruque. Todos os cativos que fixeron debuxos foron agasallados cunha mochila-neveira de praia e unha rifa para o sorteo de 6 lotes de libros en galego. suso souto

18 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.