Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Muxía libérase da couza e levántase a prohibición de plantar patacas

Muxía. A Xunta de Galicia vén de levantar a prohibición do cultivo de pataca en Muxía, que se mantiña ata o momento para evitar a expansión da couza guatemalteca que afecta a este tubérculo. Así se decidiu este mércores na comisión de seguimento desta praga, que estivo presidida polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

Neste senso, pasan a ser consideradas zonas tampón –espazos límite de contención en lugares que lindan con outras zonas infestadas e nas que se pode plantar pataca comunicando o cultivo– a totalidade do concello de Muxía, incluídas as parroquias da Nosa Señora da O, Leis (San Pedro), Muxía (Santa María), Moraime (San Xulián), Ozón (San Martín) e a parroquia de Lendo (San Xián) no concello da Laracha, tamén na provincia da Coruña.

Por outra banda, mantense a prohibición de plantar pataca nas parroquias de Chamín (Santaia) e Sorrizo (San Pedro) en Arteixo; A Pedra (Santa María) en Cariño; Caión (Santa María do Socorro) na Laracha e San Xurxo en Moeche. En Lugo a prohibición do cultivo deste tubérculo segue a manterse na totalidade do concello de Burela e na parroquia de Santa María de Trabada, no concello homónimo.

A praga de corentena da couza guatemalteca da pataca detectouse por primeira vez no ano 2015, polo que a Consellería do Medio Rural tivo que prohibir o seu cultivo en diversos concellos da Coruña e Lugo de cara a procurar a súa erradicación. Na actualidade, os datos de seguimento da presenza deste organismo nocivo están mostrando un avance significativo na súa contención, o que sería a fase previa para valorar a súa posible erradicación.

A comisión de seguimento propón un novo mapa de concellos afectados para que algunhas zonas deixen de ser consideradas como infestadas. En 2019 chegaron a estar infestados trinta e cinco municipios.

Prevese que a praga poida erradicarse en dous anos. Para que unha zona infestada deixe de selo cómpre que non se detecte ningún individuo desta especie durante dous anos seguidos no seu territorio. M. L.

23 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.