Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
foro. O proxecto Climántica reunirá o venres no Coliseo Noela a dúas científicas das universidades de Santiago e Aveiro // Alumnos dos IES Virxe do Mar, Poeta Añón e Xelmírez I protagonizarán un espectáculo que gañou un premio europeo TEXTO S. Souto

Noia acollerá un simposio sobre a muller na investigación científica

O proxecto didáctico Climántica da Universidade de Santiago (Grupo SEPAInterea) púxose en marcha en 2006 para implicar a profesores, estudantes e investigadores na loita contra o cambio climático. O seu creador, impulsor e director e o docente noiés Francisco Sóñora, quen conseguiu darlle a esa iniciativa un carácter internacional, influíndo na sociedade con formación, información e concienciación polo respecto ó medio ambiente.

Climántica organizou para o vindeiro venres día dez, xunto con Fábrica Centro Ciencia Viva da Universidade de Aveiro (Portugal) un simposio para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Trátase dun foro que terá lugar no Coliseo Noela e no que participarán científicas das universidades de Santiago e Aveiro e no que se representará o Show de Ciencia Física Viva, que gañou o Premio Europeo de Shows de Ciencia en 2016. Este espectáculo da institución lusa estará protagonizado por alumnos dos institutos Virxe do Mar de Noia, Poeta Añón de Outes e Xelmírez I de Compostela.

A motivación do evento é que este ano a ONU dedica a citada celebración aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

O simposio dará comezo ás 10.30 horas e versará sobre o potencial das mulleres na investigación e na comunicación da ciencia para a vida cotiá coa orientación dos ODS, a cargo de Rosa María Crujeiras (profesora da USC e directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia) e Carmen Marques (profesora da Universidade de Aveiro e membro do Equipo de Comunicación Científica de Fábrica, Centro Ciencia Viva de dita universidade.

Rosa María Crujeiras, natural de Ribeira e que foi alumna de Francisco Sóñora, dirixe un equipo de case un cento de investigadores. Carmen Marques abordará a importancia que ten a divulgación científica mediante shows para aproximar a ciencia ao público en xeral.

O debate estará moderado por alumnas de primeiro de Bacharelato do IES Virxe do Mar. Posteriormente, ás 12.30, terá lugar o mencionado Show de Ciencia Física Viva, no que, dun xeito interactivo e participativo, recolleranse varias ramas da Física que se relacionarán coa sostebilidade e os ODS: ondas, termodinámica, mecánica, láser ou electromagnetismo serán presentados coa participación do público, explicando ao remate de cada experiencia a súa fundamentación científica. Entre os merecementos que lle valeron gañar o citado premio europeo destaca o equilibrio do rigor científico coa diversión que facilita que a Física se faga atractiva ao público.

Os estudantes do ciclo da rama de Imaxe e Son do IES Virxe do Mar farán unha realización do evento que rematará na produción dun vídeo.

Fábrica Centro de Ciencia Viva e Climántica, dende a súa colaboración actual nos proxectos Erasmus+ InnoEduCO2 e EduCInema, dos que son socios a Universidade de Aveiro e o grupo de Pedagoxía Social e Educación Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co IES Virxe do Mar (centro piloto asociado de ambos proxectos) colaboran na celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia das Nacións Unidas centrándose no papel das mulleres, as nenas e a ciencia en relación cos Obxetivos de Desenvolvemento Sostible. Con este reto compartido pretenden conectar as boas prácticas de mulleres investigadoras e divulgadoras científicas das dúas universidades para poñelas a favor da mellora do futuro das alumnas dos tres citados institutos.

07 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.