Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Noia suma concertos ao seu festival de arpa

A catalana Anna Amigó e mais os paraguaios Hermanos Corbalán tocarán o 7 de agosto

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, o único certame de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa, incorpora novas artistas e concertos á súa programación. O domingo 7 de agosto as actuacións de Anna Amigó e Hermanos Corbalán serán o ramo desta novena edición do festival.

A arpista catalana, que participou na pasada edición do Noia Harp Fest (NHF) co seu dúo Formiga and Cigale, incorpórase á programación deste ano para presentar El cançoner r-evolucionat, un espectáculo de evolución musical e revolución feminina para ser escoitado con todos os sentidos.

Amigó extrae do cancioneiro popular catalán numerosas historias de mulleres ás que, no seu momento, acompañaban os labores do campo. Agora estes relatos e melodías inician da man da intérprete un novo camiño.

A artista actuará, xunto aos paraguaios Hermanos Corbalán -que ofrecerán o seu primeiro concerto na praza do Tapal o venres 5 ás 23.00 horas-, no evento de clausura desta edición do Noia Harp Fest. Será un concerto especial que terá lugar na noite do domingo 7, ás 22.00 horas, e que suporá, á vez, a inauguración dun novo espazo cultural a ceo aberto nas Cabaniñas do Bosque no lugar de Albeida, parroquia de San Cosme de Outeiro, no concello veciño de Outes.

Esta sesión de peche do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, que terá lugar nunha contorna natural fascinante, será gratuíto e de entrada libre, ao igual que todos os concertos que teñan lugar ao longo de toda a edición do evento. Entre eles está o evento de apertura do festival, unha celebración que terá lugar no Liceo de Noia o mércores 3 de agosto. Será un acto no que participará o alumnado das Escolas Xuvenís de Arpa de Galicia, pero no que tamén haberá ocasión de festexar a benvida cunha foliada de arpistas e bailadores.

Por outra banda, no marco da celebración do Noia Harp Fest, a dirección do festival reunirase con representantes de citas arpísticas europeas. Co soporte de Acción Cultural Española a través do seu programa PICE (Programa para la Internacionalización de la Cultura Española), o festival noiés programará unha xuntanza o 5 de agosto na que figurarán como convidadas dúas citas internacionais de prestixio: o Zagreb Harp Festival de Croacia, representado pola arpista Tajana Vukelic, e o Arpe del Mondo, de Cerdeña, que contará co arpista Raoul Moretti como convidado.

Segundo indican, a xuntanza, que se celebrará na vila coruñesa, terá como obxectivo a elaboración dun programa común de actividades de colaboración e interrelación entre os tres festivais, dentro da candidatura conxunta que se presentará nos vindeiros meses aos proxectos de Creative Europe que promove a Comisión Europea.

A novena edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia celebrarase do 3 ao 7 de agosto. No seu cartel conflúen artistas de ámbito galego, estatal e internacional, de estilos diversos mais unidos pola interpretación musical a través da arpa. Artistas e agrupacións como Savourna Stevenson, Hermanos Corbalán, Kora Jazz Trío, Paula Ceremuzynksa, Manuel Vilas, Rafa Fernández Trío, Anna Amigó ou Bleuenn le Friec formarán parte da nova edición dun evento no que a veciñanza gozará tanto ao aire libre coma no interior.

18 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.