Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Notable descenso de galegofalantes en Ames en todos os niveis educativos

Así o revela o Mapa sociolingüístico escolar do Concello elaborado pola RAG // So un 11 % fala a lingua, outro 11 % é bilingüe e un 77% usa sempre o castelán

O acceso ao sistema educativo exerce un forte efecto desgaleguizador nos nenos e nenas desde as idades máis temperás, moito antes do constatado nos estudos realizados ata o momento, centrados maioritariamente na adolescencia. Así o evidencia o Mapa sociolingüístico escolar de Ames, un proxecto desenvolvido pola Real Academia Galega en colaboración co Concello de Ames no que se detecta unha perda do 10% de galegofalantes iniciais xa no primeiro contacto co medio educativo na etapa infantil.

Esta porcentaxe vai medrando nos sucesivos cambios de ciclo ata cifras extremadamente preocupantes: na secundaria só o 11% do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a un 77% de falantes habituais de castelán, a maioría deles monolingües. Os procesos de substitución lingüística cara o castelán inícianse, pois, na infancia e consolídanse na adolescencia.

A investigación, na que se tiveron en conta os resultados de enquisas e mais as observacións directas nos centros, contou coa participación de máis de 2.000 familias, 264 docentes e case 1.800 escolares e estudantes dos 20 centros educativos públicos e privados do municipio; e tamén implicou monitorado e outros axentes responsables de ofertas complementarias, desde o comedor ata actividades deportivas, que conforman contextos de socialización escolar secundaria de importancia crecente. A análise servirá de base para un novo traballo de intervención educativa no que se elaborarán propostas para a mellora da situación da lingua.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o alcalde de Ames, Blas García Piñeiro; o coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, Henrique Monteagudo; a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín e o director do CEIP de Barouta, Alonso Barreiro, presentaron na tarde de onte na casa da cultura de Bertamiráns os resultados do proxecto.

Os datos amosan un panorama no que a presenza como lingua habitual do alumnado vai recuando a medida que se suceden as etapas educativas. O 41% das nais e o 47,5% dos pais de primeiro ciclo de infantil falan habitualmente galego, e arredor do 12% ambas as linguas. Canto aos propios menores nesta etapa, as porcentaxes redúcense ao 32,4% do galego como lingua habitual e ao 18% das dúas por igual. Pero, ademais, un fillo ou filla de cada dez (11,5%) renuncia á lingua familiar xa no seu primeiro contacto coa escola.

Os procesos de muda cara ao castelán semellan aumentar desde arredor dos 2 e 3 anos ata os 6 e 7, no paso do ciclo de infantil ao de primaria. Este fenómeno constitúe un resultado novidoso non constatado previamente nas pescudas sociolingüísticas levadas a cabo en Galicia, e ten fondas implicacións. “Sen ir máis lonxe, as políticas lingüísticas desenvolvidas ata o de agora estiveron centradas na educación secundaria, é dicir, anos despois de sucedida esta muda. Os datos convidan a cuestionar este modelo e reflexionar sobre as modificacións precisas para estas políticas”, dí o informe, elaborado polo académico Henrique Monteagudo e Xaquín Loredo, Lidia Gómez e Gabino S. Vázquez-Grandío.

Pero cando se fala do efecto desgaleguizador da escola hai que ter en conta que se fai tanto dentro coma fóra das aulas. O informe revela que arredor do 25% do alumnado de primaria de Ames nunca tivo presente a lingua galega en dous dos seus principais contextos de socialización: a relación entre iguais e as actividades extraescolares.

Dada a diversidade territorial do concello amesán os resultados poderían ser extrapolados ao resto do periurbano e incluso a todo o territorio, conclúese na publicación en referencia ao carácter urbano e tamén rural dun municipio que conta ademais cunha importante poboación migrante, de orixe maioritariamente latinoamericana.

Compromiso para frear a perda de transmisión do idioma

Ames. O traballo compartido entre as distintas institucións e a relevancia da acción municipal para frear a perda da transmisión lingüística foi unha idea repetida na presentación do mapa. “Desde a RAG achegamos o coñecemento profundo da situación do idioma, baseado en datos e análises rigorosas, un factor esencial para a definición de medidas efectivas ante o desafío colectivo que temos como país de permitirlles ás xeracións vindeiras que gocen da riqueza que significa termos unha lingua propia”, expresou o presidente da Real Academia Galega. Víctor F. Freixanes, que agradeceu a colaboración “esencial” do Concello de Ames e de toda a comunidade educativa do municipio, que se implicou de cheo nun proxecto que deu continuidade e ampliou o informe A lingua no CEIP Agro do Muíño (2018), desenvolvido tamén polo Seminario de Sociolingüística da RAG e o Concello.

“É imprescindible que desde as administracións públicas defendamos a nosa lingua, e máis no eido educativo”, expresou na mesma liña o alcalde. ́”É por iso polo que este proxecto ten o respaldo absoluto do Concello, ao ser unha iniciativa clave para fomentar que as nosas nenas e nenos empreguen a nosa lingua galega, que ao fin é o noso maior tesouro”, subliñou.

A concelleira de Normalización Lingüística destacou igualmente o “papel fundamental” dos concellos tanto para frear a desgaleguización dos nenos e nenas como para motivar o aumento de uso do galego entre as familias e na vida cotiá amesá. m. r.

07 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.