Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Nova alianza formativa entre Ribeira e O Son en hostalería

A Xunta de Galicia acaba de autorizar a concesión dunha subvención para a celebración do obradoiro dual de emprego Tahúme VIII, compartido polos concellos de Ribeira e Porto do Son, con dúas especialidades: cociña e confección e montaxe de artes e aparellos.

Deste xeito, dáse luz verde á proposta formulada por ambos concellos no pasado mes de abril a través da firma dun convenio de colaboración asinada polos seus respectivos alcaldes, Manuel Ruiz Rivas e Luis Oujo Pouso.

Tahúme VIII contará con vinte alumnos-traballadores participantes e terá unha duración de doce meses.

Na especialidade de cociña (en concreto, de operacións básicas de cociña e pastelería) está contemplada a participación de doce alumnos e alumnas de ambas localidades, tendo a Escola Municipal de Hostalería de Ribeira, situada no segundo andar do edificio do mercado de abastos, a súa aula de formación.

DEZASEIS FOGÓNS. Estas instalacións xa deron cabida a outros dous obradoiros de emprego (O Pote I e O Pote II), se ben unicamente coa intervención de alumnos do municipio ribeirense.

A Escola Municipal de Hostalería ribeirense, na que o Concello investiu máis de 250.000 euros, conta con oito mesas de traballo dobles, cun total de dezaseis fogóns, así como un meseiro e o equipamento de cociña necesario.

Ocupa unha superficie de 137 metros cadrados e, a maiores, dispón de, entre outros espazos, un aula, dous almacéns e un despacho para a dirección dos obradoiros.

En canto á outra das especialidades da nova escola-taller conxunta, a de confección e montaxe de artes e aparellos, prevese a participación de oito alumnos (tamén de ambos municipios) e a súa aula de formación estará situada en Porto do Son.

ALTA DEMANDA. Con esta especialidade formativa preténdese incidir nunha ocupación que ten a día de hoxe unha alta demanda de traballo asociado coa flota pesqueira e está abrindo ademais outras saídas laborais, por exemplo no sector da artesanía e a decoración.

Ademais de recibir unha aprendizaxe ao tempo que cobran un salario, os participantes nestas accións formativas desenvolverán unha serie de actuacións no transcurso do curso que repercutirán en beneficio da sociedade.

No caso do taller de cociña celebrarán, por exemplo, os tradicionais almorzos solidarios, almorzos saudables, menús degustacións, xornadas de showcooking e eventos gastronómicos que se celebrarán nos dous municipios.

FONDOS EXPOSITIVOS. En canto ao taller de confección de artes e aparellos, desenvolverán este tipo de traballos para fondos expositivos dos museos, ambientación de feiras e outras actividades estivais, decoración de espazos urbanos, actividades de divulgación en centros escolares ou para o seu uso en instalacións deportivas, para canastras, porterías, etc.

delegribeira@elcorreogallego.es

02 ago 2022 / 14:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.