Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O Goberno galego ten previstas seis para A Coruña e outras tantas en Pontevedra // Gonzalo Trenor reuniuse co alcalde de Tordoia, onde se actuará en Castenda // Afectará a máis de 3.500 parcelas e a 510 propietarios desta vila TEXTO C.Estévez

Novas parcelarias na comarca para paliar o minifundismo

A Xunta de Galicia ten previstas na provincia da Coruña seis novas parcelarias. En concreto, e en función dos resultados dos estudos previos, decretaríanse nos concellos de Boqueixón (zona de Lamas, Loureda, Sergude, Vigo), Melide (zona de Baltar, Golán, Grobas), Padrón-Pontecesures (zona de Herbón), Santa Comba (zona de Freixeiro), Tordoia (zona de Castenda), Touro (zona de Fao-Novefontes).

No tocante á provincia pontevedresa decretaranse tamén seis novas parcelarias nos municipios de Caldas de Reis (zona de Bemil), Dozón (zona de San Salvador de Castro), Lalín (zonas de Cristimil, Galegos, e Goiás-Xaxán-A Veiga) e Valga (zona de San Miguel de Valga).

Formarán parte das 23 novas zonas que se decretarán ao longo deste ano en toda Galicia e que suporán a reorganización de 19.394 hectáreas de superficie, distribuídas en 99.340 parcelas propiedade de case 14.000 veciños.

Con motivo destas novas parcelarias, este mércores o delegado territorial da Coruña, Gonzalo Trenor, reuníase co alcade de Tordoia, Antonio Pereiro, para analizar a proposta de reestruturación parcelaria que se levará o próximo 27 de xullo ao Comité Técnico Asesor, que preside o propio delegado, no que ademais participan todos os órganos que puideran ter algunha alegación á realización da reestruturación agraria que se propón para este concello. Nestes momentos está próximo ao seu remate o Estudo Previo de Iniciación para levalo á reunión, que terá lugar a vindeira semana para a súa aprobación.

Trenor destacou que esta nova zona de concentración parcelaria que que se propón para Tordoia levarase a cabo en Castenda, sobre unha superficie de 1.209 hectáreas, e afectará a 3.570 parcelas e a un total de 510 propietarios.

Pola súa parte, o alcalde, Antonio Pereiro, indicou a este xornal que “é unha concentración moi desexada por todos ao ser unha das parroquias máis agrícolas que temos. Isto suporá un cambio para todos os veciños e veciñas, para a actividade agrícola e forestal, e en facilidades e aforro de custos”, sinala. “Cremos que tamén resultará máis doado para quen queira emprender novas actividades e incorporarse ao sector primario”, apunta. Cómpre matizar que a Consellería do Medio Rural está estudando outro cento de solicitudes para novas parcelarias, tendo en conta o peso do sector agropecuario da zona, se as explotacións mostran interese nesa reestruturación do territorio e a viabilidade do propio proceso en termos medioambientais, entre outras moitas cuestións a ter en conta.

Doutra banda, a Xunta está traballando para finalizar os 91 procesos de concentración parcelaria que están abertos a día de hoxe na comunidade. Neste senso, cómpre destacar que en 55 deles, é dicir no 60 %, os veciños xa están usando as novas parcelas resultantes. Para iso, o Goberno galego destina un orzamento de 12 millóns en 2022, cifra que alcanza os 118 desde o ano 2009.

Entre o 2020 e o que vai de 2022, a Xunta rematou un total de 22 concentracións que abarcaron unha superficie total de case 16.000 hectáreas, beneficiando a máis de 10.100 propietarios que recibiron arredor de 23.300 títulos de propiedade.

O protagonista
“Vital para reorganizar o territorio”
Gonzalo Trenor
Delegado territorial da Xunta na Coruña

Trenor sinalou que “a través destes procesos conséguese paliar o minifundismo presente na comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da

propiedade, polo que son unha ferramenta fundamental na reorganización do territorio”.

Ademais, o representante do Goberno galego indicou que “se seguirán impulsando este tipo de procesos á vez que se aposta por outros instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras.”

Así, tal e como recolle a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, fomentaranse os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, as aldeas modelo ou as permutas de interese agrario.

Na Coruña as 6 novas parcelarias reorganizarán case 7.000 hectáreas e en Pontevedra, case 5.900 hectáreas.

{A OLLADA}
Aproveitar as superficies
Claudina Estévez

COMO XA É SABIDO a fragmentación da propiedade da terra na nosa comunidade fixo máis complicado o crecemento das explotacións agrarias e o aproveitamento das superficies. Mediante estas novas zonas de concentración parcelaria que a Xunta vai pondo en marcha, búscase unha ordenación da superficie agraria que permita un uso adaptado ás necesidades agrícolas e forestais de cada zona. No caso de Tordoia, por exemplo, o propio rexedor e a veciñanza ven con bos ollos a concentración parcelaria que se leverá a cabo en Castenda, xa que se trata dunha das parroquias máis agrícolas do municipio. En definitiva, evitar o minifundismo permitirá pór en marcha novas actividades e daralle novos pulos ao sector primario.

21 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.