Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O Concello edita un vídeo con motivo do Día Internacional, no que empresarias do sector agrogandeiro relatan o seu papel e a súa visión do futuro // As protagonistas destacan a importancia das agrupacións no tecido asociativo local TEXTO Sol Elvira

Nove mulleres rurais de Rois narran a súa experiencia vital

Con motivo do Día Internacional da Muller Rural, que se celebrou o venres 15 de outubro, o Concello de Rois editou un vídeo protagonizado por nove veciñas do municipio. Empresarias, directivas e integrantes das asociacións de mulleres rurais de Rois narran as súas experiencias vitais como veciñas dun concello eminentemente rural e ofrecen a súa visión sobre o papel da muller no sector agrogandeiro e no tecido asociativo local.

O vídeo institucional, editado pola empresa de comunicación Alicentis, preséntase baixo o título O Concello de Rois coa muller rural. Pasado, presente e futuro. A iniciativa forma parte da campaña Rois actúa en igualdade, que responde ao acordo de colaboración do Concello coa Deputación da Coruña no desenvolvemento de accións que fomenten a igualdade entre homes e mulleres. A intención é darlle visibilidade á figura da muller rural e recoñecer o seu papel e o seu liderado neste ámbito, destacando a importancia das achegas económicas, sociais e culturais das mulleres.

No vídeo recóllense nove historias, que poderían ser moitas máis e que evidencian a importancia do impulso feminino no pasado, no presente e no futuro do municipio. As protagonistas son Ermitas Suárez e Rocío Silva, de Legumbres Ermitas; Lorena Agrafojo, da granxa Albagueira SC; Mª Teresa Martínez e Mª Elvira Iglesias, presidenta e fundadora da Asociación de mulleres rurais de Urdilde respectivamente; María Boullón, vogal da Asociación de mulleres rurais San Martiño de Ermedelo; e Mª José Lamas e Teresa Fernández, a vicepresidenta e a socia das Amas de Casa, respectivamente.

Ermitas Suárez, Rocío Silva e Lorena Agrafojo ofrecen a súa visión do emprendemento feminino. “Hoxe en día para empezar de cero nunha empresa no rural hai que ter gana de traballar”, advirte Silva, quen se considera afortunada ao coller o relevo de Legumbres Ermitas, creada polos seus sogros hai 40 anos. A fundadora, Ermitas Suárez, relata no vídeo como empezaron con 500 metros cadrados de invernadoiros e hoxe teñen 5.000. Agora está xubilada, pero non esquece os días nos que ía vender o seu produto a Santiago: “Para unha muller ir cun camión podía supoñer un risco, pero para min foi como levar un coche pequeno”. “Sempre fun dona do que fixen”, dí.

A diferenza nos roles de mulleres e homes no rural aínda existe, pero amósanse indicios de cambio, e cada día son máis as mulleres que asumen tarefas que antes tiñan vedadas. Lorena Agrafojo, da granxa Albagueira SC, pon o acento en que “agora as mulleres tamén manexan a maquinaria”. Porén, o papel da muller no coidado doméstico e familiar segue a ser preponderante. “Si que é verdade que o home non se meteu tanto a facer as cousas da casa”, resalta. Esta veciña de Rois, licenciada en Relacións Laborais e Recursos Humanos, elixiu a gandería por vocación. “Sempre me gustou traballar con animais”, unha profesión que ademais lle permite conciliar a vida laboral e familiar porque, segundo di, “a vantaxe fundamental é poder dedicarme á familia e traballar no que me gusta. Xa din que se traballas no que che gusta non traballas ningún día do ano. E para min é así”, remacha cun expresivo sorriso. Agrafojo suliña que “vivir no rural ten moitas vantaxes” e que “en Rois teño todos os servizos que demando”. Cre que no rural hai futuro para a muller, se ben recoñecen obstáculos no presente como a crise provocada pola covid ou os baixos prezos. .

Rois foi un municipio pioneiro en Galicia no asociacionismo de mulleres rurais. En 1986 creouse en Urdilde a primeira entidade en Galicia.

17 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.