Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Leva por título ‘Da metáfora ao oxímoro’ e organízao a AELG para o sábado 17 // A iniciativa, gratuíta, busca dar a coñecer a localidade a través das obras propias ou alleas vinculadas ao territorio // Partirán do peirao a partir das once TEXTO Ana Pérez

Novo roteiro literario por Porto do Son, da man de Patricia Torrado

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza o vindeiro sábado 17 de decembro un roteiro literario pola vila de Porto do Son, que leva como título Da metáfora ao oxímoro, que será guiado pola escritora local Patricia Torrado Queiruga.

Con esta iniciativa, a AELG pretende dar a coñecer “as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos”. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria. O texto deste roteiro será publicado para a súa descarga libre na páxina web do colectivo impulsor.

Segundo explicou Patricia Torrado, “trátase de facer un roteiro vinculado coa literatura que ten que ver con Porto do Son ou cos escritores locais, tanto a un nivel coma ao outro; ou que teñan vinculación directa coa vila ou que falen sobre ela”.

O roteiro partirá ás 11.00 horas do peirao de Porto do Son, de onde a estacada. Será gratuíto e para asistir é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org indicando nome e apelidos. As prazas son limitadas.

Patricia Torrado é licenciada en Filosofía pola USC e museóloga e experta en conservación e restauración do patrimonio e en documentación en museos pola UAH. Publicou Roxanne no compilatorio do certame literario Manuel Oreste Rodríguez López na sección de narrativa en 2020; Herdar a fala en 2021, poemario premiado no Certame Torre de Caldaloba de 2020 do Concello de Cospeito; Don Carlos e o misterio dos lucecús en 2021; Silencios náufragos en 2021, dentro do compilatorio A Garza en chamas, que foi 1º premio Manuel Murguía de Narracións Breves en 2021; e Bolboretario do confinamento en 2022.

12 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.