Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O secretario xeral de Infraestruturas non quixo dar un plazo fixo para a fin do conxunto da autovía A-54 // O treito que une a vila melidense con Arzúa vai máis atrasado // Aumentarase o ritmo tras solventar temas contractuais TEXTO C. Estévez

O 2023 é a data prevista para o remate do tramo Palas-Melide

As obras no tramo Palas de Rei-Melide da autovía A-54 entre Lugo e Santiago arrancaban o 31 de xullo de 2017 coa colocación da primeira pedra. Pola súa parte, os traballos no treito Melide-Arzúa comezaban o 28 de marzo de 2018. A día de hoxe os labores en ambos tramos seguen o seu curso, pero a pesar da demora que se constata, esta semana o secretario xeral de Infraestruturas, Sergio Vázquez Torrón, vén de aportar algo de luz no avance dos traballos. E é que confirmou a intención do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (MITMA) de “darle un impulso importante” ao tramo Palas-Melide da autovía Lugo-Santiago (A-54) durante este mesmo verán.

En declaracións aos medios de comunicación, tralo acto de firma do convenio de transmisión dos terreos necesarios para executar a nova rotonda entre a estrada N-VI e a rúa Alfonso X, en Lugo, lembrou que “faltan dos tramos” de autovía e que “uno va más avanzado que el otro”. En concreto, dixo, o que leva mellor ritmo é o que comunica Palas de Rei con Melide e ao que “esperamos darle un impulso importante”, apuntou. “Además ahí estamos con el viaducto de Pambre que es espectacular”.

Vazquez Torrón confía en que no 2023 polo menos este tramo “que se encuentra al 50 por ciento” quede finalizado. No tocante ao conxunto da autovía, o secretario xeral de Infraestruturas puntualizaba que se prevé deixala lista “o a finales de ese propio año o en el 2024”, sinalou. “No me gusta tampoco dar un plazo fijo hasta que vayamos solucionando los temas contractuales. En cuanto esté despejado vamos a aumentar el ritmo, también con los condicionantes ambientales y patrimoniales que tenemos. No es una cuestión presupuestaria”, concluíu.

Respecto ao tramo Palas-Melide, o máis avanzado, hai que lembrar que discorre ao sur da estrada N-547, cun trazado sensiblemente paralelo á mesma. A nova autovía permitirá ademais mellorar sensiblemente a seguridade vial da actual N-547, tanto rodada como peonil, onde actualmente hai importantes tránsitos de peregrinos do Camiño de Santiago, eliminándose asemade a travesía de Melide. A lonxitude deste tramo é de 11,7 km. Arranca en Palas de Rei e conecta co treito da A-54 entre Lugo (Nadela) e Palas de Rei. Continúa a través dos termos municipais de Santiso e Melide. O final do proxecto ubícase ao sur deste último concello, na intersección entre a estrada N-547 e a AC-840. Constará de dúas calzadas separadas por dous carrís de 3,5 m cada unha, arcéns exteriores de 2,50 metros e interiores dun metro, e mediana de 9 metros de ancho.

No tocante ao tramo Melide-Arzúa, a lonxitude é de 16,38 kilómetros. Comeza en Melide e conecta no enlace de Melide Sur co segmento entre Palas de Rei e Melide. Finaliza no enlace de Arzúa Oeste, onde entronca co treito entre Arzúa e Lavacolla. Constará de dúas calzadas separadas por dous carrís de 3,5 metros cada un, arcéns exteriores de 2,50 metros e interiores de 1 metro, e mediana de 9 metros de ancho.

En ambos tramos estase a ser moi cauteloso cos traballos de integración ambiental, que inclúen diversas medidas correctoras e protectoras cos solos, a fauna ou a flora.

OS PROTAGONISTAS
“É importante axilizar as actuacións”
José Luís García e José Manuel Pérez
Alcaldes de Arzúa e Melide

Un dos rexedores aos que afecta este proxecto, en concreto, o arzuán, alégrase de que se vaia axilizar o tramo Palas-Melide, dado que “para os intereses de Arzúa todo o que implique avanzar e axilizar nas actuacións sempre vai ser positivo”, considera. “Con independencia dos inconvintes que poidan xurdir nunha actuación desta magnitude, o importante é que se cumpran os compromisos e que a autovía sexa unha realidade canto antes”, engade.

Pola súa parte, o alcalde melidense, valora positivamente “todo o que supoña acelerar os prazos para o remate da obra, xa que iso contribuirá a reducir o tráfico pesado que estamos a sufrir no centro da vila”, sentencia o rexedor.

Deste xeito, ambos mandatarios consideran que será beneficioso para os dous municipios que se axilicen ao máximo as actuacións na autovía.

{ A OLLADA }
Moita demora
C. Estévez

O lento avance das obras da A-54, unha autovía fundamental para a vertebración interior de Galicia, non deixa de ser un tema polémico e que chegou a desesperar á propia Xunta de Galicia. E é que hai que lembrar que os tramos Palas-Melide e Melide-Arzúa foron obxecto de varias paralizacións por complicacións medioambientais e polo rico patrimonio arqueolóxico. Deste xeito, ambos treitos son os que quedan para completar a vía de alta capacidade, e segundo indicou Vázquez Torrón, haberá que agardar ata 2023 para que o máis avanzado, o de Palas-Melide, quede finalizado. Tendo en conta isto, todo fai pensar que, ou moito se axilizan as obras do treito Melide-Arzúa, ou quizais non quede listo nin a finais do 2023 nin no 24...

09 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.