Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Camiño Miñoto protagoniza un libro que o resume como natureza, termalismo e viño

Escrito por Castor Pérez, José Ramón Estévez e Jorge Bértolo, preséntase este xoves en Santiago // A vía xacobea parte
de Braga e pasa polo Ribeiro, A Estrada, Vedra e Boqueixón

O Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro é un dos camiños históricos de peregrinación máis antigos que enlazaban o norte de Portugal coa cidade do Apóstolo Santiago.

O libro que se presenta este xoves, ás sete da tarde, no Museo das Peregrinacións de Santiago, representa un fito importantísimo na recuperación deste vial xacobeo.

Naceu esta publicación logo de 23 anos de profundas pesquisas e dedicación, iniciadas polo historiador Cástor Pérez ao que co tempo se unirían primeiro José Ramón Estévez e finalmente Jorge Bértolo.

Este traballo recolle, con estricto rigor histórico, todo un elenco de documentos e da-tos que fundamentan con absoluta impecabilidade a realidade dun vial xacobeo que, dende a cidade metropolitana de Braga e atravesando as terras miñotas de Vila Verde, Ponte da Barca, Arcos de Valdevez, Monçáo e Melgaço adéntrase en Galicia por Lobios, Entrimo, Padrenda e Pontedeva nas terras do Ribeiro para chegar ó Ulla até
desembocar en Compostela.

O libro desenvolve escrupolosa e pormenorizadamente un vial que é por natureza, eixo vertebrador dun territorio que engloba, entre outros carácteres, tres elementos diferenciais que lle confiren unha personalidade específica propia: natureza, termalismo e viño.

Este carácter relacional venlle dende moi antigo, comunicando castros e poboacións prehistóricas, ademais da inxente abundancia de monumentos megalíticos e túmulos sepulcrais, que lembran a prematura habitación destes lares.

Este providencial desenvolvemento e vitalidade verase posteriormente recompensado no tempo cunha vía específica que percorre excepcionalmente este itinerario: O Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro.

Durante séculos, o viño destas terras era transportado á cidade de Santiago polos arrieiros, compartindo ruta cos peregrinos. Mais todo isto era posible grazas a proliferación ao longo do camiño, de institucións hospitalarias que velaban polo benestar dos peregrinos e o cultivo da vide. A orde do Temple, a dos hospitalarios de San Xoán, reconstituída logo como a orde de Malta, ou a de Santiago deixaron unha forte pegada nestas terras.

Tamén resulta curioso e característico que todos estes padroeiros, estratéxicamente situados ao longo do Camiño Miñoto, parecen ligados por un denominador común: a proliferación de augas quentes; todas elas proporcionaban aos maltreitos peregrinos un excelente alivio para a súa fatiga ou calquera outra doenza que habían de penar ao longo da súa peregrinación.

O libro recolle un traballo histórico exquisito, defendido por institucións de historiadores portuguesas e galegos, o que da boa fe da seriedade e rigorosidade do mesmo.

Trátase dun proxecto xacobeo respaldado polas seis Cámaras de Portugal e polos 17 concellos galegos por onde transita este Camiño a máis do propio Goberno de Portugal e a Deputación Provincial de Ourense.

O proxecto conta, non só co recoñecemento da oficina do peregrino, senón tamén da propia xerarquía católica xa que a emisión da Compostela foi refrendada en Braga, coa rúbrica dos arcebispos de Braga e Compostela.

Recollendo as palabras do deán da Sé de Braga, Paulo Abreu: “Este non é un camiño máis, tampouco é un camiño de turigrinos creado sen base histórica algunha e con fins exclusivamente comerciais; é a recuperación dun camiño histórico de peregrinación rigurosamente documentado”.

27 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.