Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
RECICLAXE. Sogama impulsa unha nova campaña para potenciar o uso do colector marrón da materia orgánica // Habilitará puntos informativos nos municipios de Carballo, A Laracha, Cerceda, Arteixo, Santa Comba e Oroso TEXTO Manuel Lavandeira

O contedor que devolve vida

Baixo o lema O marrón, o contedor que devolve a vida, Sogama, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, e no marco da Semana Europea da Prevención de Residuos (que se celebrará do 20 ao 28 de novembro), levará a cabo unha campaña orientada a potenciar o uso do quinto contedor (de cor marrón) en tres dos concellos pioneiros na instauración do mesmo (Carballo, Laracha e Cerceda), ademais de Arteixo, e nos que se sumarán a esta iniciativa a curto prazo: Santa Comba e Oroso.

Nos seis mencionados municipios habilitarase un punto informativo, que estará atendido por educadores ambientais especializados en xestión sostible de residuos, a fin de abundar nas boas prácticas vinculadas á redución, a reutilización e a reciclaxe e, máis especificamente, na importancia de valorizar a materia orgánica a través da súa transformación en compost de calidade.

No caso de Carballo, Laracha, Cerceda e Arteixo, os monitores centraranse en lembrar o que debe e non debe depositarse neste recipiente, e resolverán as dúbidas trasladadas polos cidadáns en relación á correcta xestión dos refugallos urbanos. Pola súa banda, en Santa Comba e Oroso a acción focalizarase sobre o labor do quinto contedor, que chegará ás rúas no seu momento, así como nos beneficios que a recollida segregada dos residuos orgánicos reportará de cara ao cumprimento dos obxectivos de reciclaxe fixados pola Unión Europea para os próximos anos.

A campaña comezará en Arteixo o sábado día 20 de novembro e continuará por A Laracha (día 23), Cerceda (día 24), Carballo (día 25), Santa Comba (día 26) e Oroso (día 27).

En todos os casos o horario de atención do punto informativo será de 10.00 a 14.00 e de 15.30 a 18.00 horas, agás no caso de Cerceda, que será de 15.30 a 18.00 horas.

Pola súa banda, o Concello de Carballo anticípase á Semana Europea da Redución de Residuos cunha iniciativa propia e pioneira que pretende visibilizar os resultados que poden acadarse cun xesto tan sinxelo como depositar os residuos orgánicos nos colectores marróns. Deste xeito, os veciños e as veciñas que participan no programa denominado Ti tes a chave converteranse o vindeiro domingo día 14 nos primeiros de toda Galicia en poder usar o compost producido, grazas á súa colaboración, na planta de compostaxe de Sogama.

Coincidindo coa feira, o Concello de Carballo terá instalado un posto na rúa Coruña dende as 10.30 ata as 14.30 horas para que as familias que colaboran poidan recoller unha bolsa de compost.

Grazas á colaboración veciñal, o compost resultante dos residuos orgánicos depositados nos colectores marróns xa se está a utilizar tamén nos xardíns municipais, posto que se trata dun abono natural e de moi boa calidade. O Concello carballés conta para esta iniciativa coa colaboración de Sogama, que tamén apoia o programa de compostaxe doméstica na zona rural.

Nestes momentos contan coa colaboración de case 700 familias, pero o prazo para participar está permanentemente aberto. De feito, no posto que instalarán na rúa Coruña tamén poderán realizarse solicitudes. O único requisito para poder dispoñer dun composteiro individual, de balde e coa formación precisa para sacarlle o máximo partido, é dispoñer dunha parcela mínima de cincuenta metros cadrados.

PONTECESO. Asimesmo, hai unhas semanas o Concello de Ponteceso anunciaba o lanzamento dun novo plan de compostaxe para continuar fomentando entre a veciñanza o coidado do medio ambiente reducindo, con este tipo de iniciativas, os refugallos orgánicos que se depositan nos colectores. No marco deste plan, este vindeiro sábado, día 13, a Biblioteca Municipal acollerá á partir das 11.00 horas unha nova charla explicativa para o uso correcto dos composteiros. Un técnico de Sogama será o encargado de impartir esta sesión formativa a todas e todos os veciños pontecesáns interesados en formar parte desta xornada. Para elo deberán inscribirse previamente contactando co Concello de Ponteceso a través do número de teléfono 981 714 000 tanto para a charla explicativa como para a reserva do seu composteiro, pois ao final da sesión do sábado serán entregados a todas as persoas que o solicitaran previamente.

Máis de cen veciños e veciñas do municipio pontecesán xa están a facer compost nas súas casas.

10 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.