Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O Concello de Ames xa conta co proxecto gañador para a realización do Centro Multifuncional // Situarase na avenida do Muíño Vello, moi preto da igrexa e do instituto TEXTO P. Brea

O Milladoiro dálle luz verde ao vangardismo

Cando se fala cos residentes da vila amesá do Milladoiro sobre o que máis botan de menos nela, a primeira cousa que se lles vén á mente soe ser a falta de zonas verdes. En palabras de Julia Brea, residente na cidade dende hai 35 anos, “O Milladoiro é cemento, cemento e máis cemento”. É por iso que o Concello está a apostar polo desenvolvemento de proxectos que fagan da urbe un espazo máis humano e salubre.

Na procura de fuxir do ladrillo e facer da vila un lugar onde os cidadáns se sintan o máis a gusto posible, o Concello, en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) lanzou un concurso de libre participación no que o deseño gañador será o que se leve a cabo como o Centro Multifuncional do Milladoiro, un área na que se pretende pór á disposición da mocidade un espazo de convivencia, de intercambio, colaboración e formación, así como crear un lugar que favoreza a inclusión social e laboral de colectivos con especiais dificultades para a súa inserción.

vangarda. Os tres mellores proxectos, entre os 139 que foron presentados, estarán expostos na casa da cultura do Milladoiro ata finais de mes para que todos os cidadáns poidan coñecer de primeira man os detalles do deseño gañador. Un deseño que aboga por traer á vila o vangardismo da man dunha construción que aúna un edificio versátil xunto cunha das principais carencias da cidade: as zonas verdes.

A proposta dispón de dous elementos fundamentais: por un lado, un gran espazo público, que se desenvolve na totalidade da parcela, con espazos que poden albergar diferentes actividades ao aire libre; e por outro, un edificio compacto e estratificado en catro plantas onde se van desenvolver os usos propios do centro multidisciplinar. A liberación do plano do chan permite a este edificio gañar altura e erixirse como un referente urbano, que busca ser un lugar de atracción e reunión para a veciñanza do Milladoiro e de todo Ames. No seu interior terá espazos moi versátiles e flexibles, definidos tan só polas súas cualidades ambientais (lumínicas, térmicas, visuais, etc.). Estas cualidades varían ó longo dos tres estratos que compoñen o proxecto, ó igual que as súas condicións materiais.

O centro divídese en catro plantas incluíndo a zona baixa da praza. En todas elas pódese atopar un elemento ou núcleo central que alberga de forma concentrada as instalacións, servizos e comunicacións verticais.

Este, por razóns de necesidades de soleamento e vistas ó exterior, sitúase na zona norte, deixando un espazo con respecto á fachada no que se atopan as escaleiras que comunican o segundo e terceiro estrato.

orzamento. O edificio construirase na avenida do Muíño Vello, xunto ó parque empresarial e nas proximidades do instituto, a área de ocio, o albergue e a igrexa do Milladoiro. Este proxecto enmárcase dentro da EDUSI Impulsa Ames, cofinanciado pola Unión Europea a través do FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Ten un orzamento total de 1.200.000 euros, dos cales 960.000 euros serán sufragados con fondos europeos e os 240.000 euros restantes serán fondos propios municipais.

O centro dotarase dos espazos e equipamentos que sexan necesarios co obxectivo de dispor de instalacións adecuadas: recepción; oficina de información e asesoramento xuvenil; patio exterior; aulas de formación, espazos para talleres para as prácticas laborais; espazos creativos; auditorio; sala de lectura; sala 4.0; salas de reunións; aseos; sala deportiva/baile; unha sala de ensaios musicais, etc. Asimesmo, será un requisito que o espazo teña capacidade para albergar despachos ou salas de formación totalmente equipados para os colectivos máis desfavorecidos, de forma que os cursos de emprendemento ou talleres de emprego que se realicen no complexo poidan levarse todos a cabo nestas instalacións.

Doutra banda, acondicionarase a contorna inmediata do centro, dotándoo de aparcadoiro, zonas verdes con árbores e espazos de descanso con iluminación e mobiliario urbano que permitan o seu uso nos meses de verán como área de lecer urbano. Deste xeito, O Milladoiro combina con este proxecto a vangarda arquitectónica e a necesidade de construír parques e zonas verdes nas que os veciños poidan refuxiarse do ruído e do tráfico. Ademais, xunto cos xardíns do Milladoiro sumarase a dita zona da vila outra adicada ó lecer e o benestar dos cidadáns. Así, o Concello segue intentando paliar as principais necesidades dos residentes deste municipio.

areadecompostela@elcorreogallego.es

18 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.