Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O monarca Alfonso IX e a dama italiana volven a Camariñas

Desembarcarán no porto e o rei visitará Cereixo // A vila engalanarase para unha viaxe no tempo

A vila mariñeira de Camariñas prepárase para recibir, un ano máis, ao rei Alfonxo IX, no marco dos actos do programa O Encaixe no Camiño, que organiza a Asociación de Empresarios e Promoción Turística, e que este anose desenvolverá do 2 ao 4 de setembro. Será unha viaxe no tempo coa que queren rememorar a visita que o monarca fixera no ano 1228 á capital dos encaixes.

Os preparativos comezarán o venres, día 2 ás 17.00 horas, coa apertura dun mercado medieval e ambientación musical na capital municipal.

O sábado, día 3, a comitiva de recepción partirá dende a Casa de Pedra cara o porto camariñán, onde ás 11.00 horas está previsto que desembarque Alfonso IX. Será recibido polas autoridades asistentes ao acto, no que participará tamén a presidenta da Asociación de Empresarios, Olga Campos, e outros directivos.

O monarca, acompañado da súa comitiva e das persoas que se sumen á recepción, percorrerá despois as principais rúas de Camariñas. Con motivo de tan ilustre visita, a vila vestirase de gala. Ao longo de toda a xornada sucederanse as actividades na rúa, as actuacións musicais, os xogos populares e non faltará tampouco a gastronomía a base de tapas medievais.

Da animación musical encargaranse os grupos Vaiche Boa, Con todo en banda, Abrindo Rejo e as pandereteiras de O Cansorriño.

O domingo, día 4, ás 9.30 horas a comitiva real, xunto con todos os veciños e visitantes que desexen acompañar ao monarca camiñarán dende a Praza do Mercado ata a vila de Cereixo (Vimianzo). No traxecto farán varias paradas para desfrutar de representacións teatrais en Xaviña e Cereixo, coas que se rememorarán feitos históricos do século XIII.

As persoas que desexen participar deben inscribirse previamente chamando ao teléfono 647 398 023 ou ao 662 488 253. A volta farase nun autobús fletado pola organización do evento.

Pola tarde, está prevista tamén a chegada a Camariñas da dama italiana que, segundo conta a lenda, ensinou a palillar ás mulleres da vila. Arribará tamén por mar, e desembarcará no porto ás 17.30 horas. O acto, co que se pretende rememorar a orixe dos encaixes, complementarase cun desfile de moda con puntillas de Camariñas e un grupo de palilleiras locais demostrarán as súas habilidades cos bolillos cunha exhibición a pé de rúa.

COLABORACIÓNS. Esta cita coa historia está patrocinada pola Deputación da Coruña, e conta coa colaboración do Concello de Camariñas, o Xacobeo 2021-2022, as asociacións de palilleiras Rendas e Puntillas, a Asociación de Amas de Casa, a Asociación de Veciños Santiago Apóstol de Cereixo, a Agrupación de Protección Civil de Camariñas e dos veciños e veciñas.

29 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.