Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
LAXE. Foi doada ao Concello pola familia Rivera Dinis // Formaba parte da cerca que pechaba unha casona rexentada polos dominicos na que se atendía aos máis necesitados // Estaba situada ao fondo da actual rúa Castelao TEXTO M. Lavandeira

O Museo do Mar de Laxe recibe unha cruz do hospital de pobres

O Museo do Mar de Laxe vén de recibir en doazón unha cruz de pedra que, segundo sinalan, é o último vestixio existente na vila do desaparecido convento dominico-hospital de pobres, xunto cunha foto do Arquivo Fotográfico Vidal na que se pode ver como era o edificio. A cruz foi doada pola familia Rivera Dinis ao Concello laxense, e foi recepcionada polo alcalde, José Luis Pérez, e polo responsable do mencionado museo, Joaquín Vidal Martínez.

Grazas ao testamento de dona Urraca de Moscoso, datado a finais do século XV, “sabemos que na vila de Laxe existía unha casa de curas ou primeiros auxilios para atender a enfermos tanto locais como aos que chegaban por mar a través das diferentes rutas marítimas”, sinalan dende o Concello. Estaría situada preto da igrexa (rúa Hospital).

Ademais dese hospital, engaden, “existiu na vila unha casona de pedra situada ao final da actual rúa Castelao, rodeada dunha gran cerca de pedra, rexentada polos dominicos, que se dedicaban ao coidado dos pobres e dos máis necesitados, e que puido funcionar tamén como lazareto para aquelas persoas que chegaban por mar con síntomas de enfermidades moi contaxiosas, como podía ser a lepra”.

A devandita casona atopábase naquela época distanciada da vila medieval, e unha cerca de pedra impedía o contacto entre veciños e enfermos. Nun deses muros era onde se atopaba a cruz de pedra que agora vén de recibir o Museo do Mar. Ambos os dous elementos “foron visibles neste lugar ata ben entrados os anos 80 do século XX”, segundo sinalan dende o departamento de Turismo e Cultura laxense.

Na vila esta casona era coñecida como a Casa do Pío, Convento Dominico ou Hospital de Pobres e Enfermos, “unha denominación que nos indica que foi unha casa moi importante durante séculos na nosa vila”.

Lembran que na Idade Media a vila de Laxe pertenceu a diferentes casas nobiliarias: os Traba, os Trastámara, o ducado de Arjona e o Condado dos Moscoso de Altamira, que exercerían o seu poder desde o século XV ata finais do antigo réxime.

A capital laxense era unha das saídas marítimas que tiñan estes poderosos condes e converteuse nun lugar de recalada das naves que realizaban diferentes rutas comerciais durante a época medieval e moderna. Ao longo do século XV, sinalan, “o comercio marítimo intensificouse, e na vila de Laxe, que tamén era un dos portos importantes de Galicia naquela época, erixíronse varios edificios co fin de potenciar e protexer este comercio marítimo”.

Durante este século remataron as obras da actual igrexa parroquial de Santa María da Atalaia, e na súa parte norte construirase unha troneira de canóns para defender a vila de calquera flota inimiga. Iso non impediu que Laxe tivese que soportar diferentes asaltos piratas durante máis de tres séculos.

Os vestixios da arquitectura medieval de Laxe aínda son visibles na actual arquitectura urbana. A este respecto, crese que a vila debeu ter, polo menos, tres portas de acceso, das que na actualidade só quedaría unha visible, que é a porta real, situada na casa do Arco, a cal como corresponde estaría timbrada polo escudo real, como aquí sucede ao situarse no seu interior o do reino de Galicia. Neste aspecto, esta localidade seguía un patrón urbano común a outras vilas costeiras e do interior como Viveiro ou Ribadeo.

AGRADECIDOS. Desde o Concello de Laxe amosaron o seu agradecemento á familia Rivera Dinis “polo seu acto de xenerosidade cara o ben común doando esta cruz de pedra ao noso museo, testemuño deste antigo hospital de pobres e enfermos rexentados por dominicos”. Aseguran ademais que dende o departamento de Turismo e Cultura “seguiremos traballando a prol da salvagarda do noso patrimonio histórico e cultural e da recuperación da nosa memoria histórica”.

Hai que lembrar que, recentemente, o Museo do Mar de Laxe vén tamén de recuperar e dixitalizar máis de 74.000 fotografías do arquivo de José María Vidal Eiroa, o último dunha saga de fotógrafos que se iniciou co seu avó Placido Vidal Díaz e ó que lle deu continuidade o seu pai, José María Vidal García.

22 jun 2021 / 16:46
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.