Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 05 diciembre 2023
23:55
h
En abril de 2021 localizouse a primeira estación en Xermil e as mámoas do Fondo do Val // As pistas de acceso e as gabias de cableado poderían danar gravemente ou destruir ata cinco petróglifos e mámoas, segundo A Rula TEXTO Javier Salutregui

O novo parque eólico afectará ao arte rupestre de Vilartoxo

Dende o colectivo A Rula, un reducido grupo de afeccionados santiagueses á divulgación e protección da arte rupestre, afirman que no mes de abril de 2021 os técnicos da empresa Zeta Arqueoloxía, S.L., encargados da elaboración do Informe de impacto sobre o patrimonio do parque eólico de Vilartoxo, en Val do Dubra, localizaron a primeira estación de arte rupestre prehistórica de Xermil, ademáis de dúas mámoas denominadas Fondo do Val.

Comentan que, pese a proximidade do municipio con varios conxuntos rupestres da comarca, só se coñecía unha estación de gravados rupestres en Val do Dubra, o petróglifo Castro de Portomouro. Os elementos máis próximos á nova estación son as mámoas de Porto Rabeiro 1 e 2. A primeira presenta un cono de violación, un buraco froito dunha escavación ilegal na procura de tesouros; mentres que a segunda destaca polas súas dimensións e o bo estado de conservación.

Cara o sur atópanse as necrópoles megalíticas de Bugalleira e Monte da Medorra, ademáis do xacemento romano de Bugalleira, e ao norte localízase o castro de Paramos. Por outra parte, o petróglifo do Gavis está no linde co concello da Baña, nun piñeiral de superficie chan sementada por afloramentos rochosos de xisto de pequeno tamaño.

O afloramento escollido polo gravador é de xisto, probablemento pola escaseza de granito na zona, e a rocha presenta superficies moi irregulares. Nela consérvase un motivo circular composto por unha cova central, 5 círculos concéntricos, e un radio sinuoso que cruza o motivo. A figura ten un diámetro de 60 cm ata o círculo exterior incompleto. Trátase dunha sinxela estación de arte rupestre, pero non carece de valor nin de interese, tendo en conta as súas particularidades, como son o soporte de xisto e ser o primeiro xacemento rupestre prehistórico coñecido en Val do Dubra, pois o castro de Portomouro é histórico.

Con todo, todos os restos arqueolóxicos citados anteriormente sufrirán un importante impacto coa construcción do novo parque eólico de Vilartoxo. Os máis destacados son as mámoas do Monte da Medorra, atravesadas por un camiño polo que pasaría a pista de acceso e unha gabia de cableado; as mámoas de Porto Rabeiro e o petróglifo do Gavis, xa que o acceso e a gabia irían a menos de 30 metros do elemento; e as mámoas do Fondo do Val, con importantes estruturas deseñadas a menos de 50 metros do ben.

Segundo a avaliación de impacto dos bens, repítese que o vial do parque deseñouse de modo que non ocupe superficies no afectadas previamente e as futuras ampliacións se executen en dirección oposta aos elementos de valor patrimonial.

Ditas afirmacións non se axustan á realidade, pois trátase de impactos directos sobre os bens ou sobre as súas contornas, alteracións irreversibles que en ningún caso deberían ter a valoración de moderados. Por outra parte, aínda que existisen alteracións previas, non xustificarían a execución de obras que afecten directa e permanentemente aos elementos.

Tanto as pistas de acceso coma as gabias requiren uns anchos maiores que o das pistas existentes, e a execución destas ampliacións implicaría, en moitos casos, a destrución ou desaparición case total dos restos arqueolóxicos, polo que dende o colectivo A Rula pensan que en realidade co informe estase a pedir unha autorización para realizar unha destrución controlada. Con todo, confían plenamente en que a Dirección Xeral de Patrimonio emita o informe correspondente para evitar posibles danos irreversibles e a destrucción dos diferentes restos.

21 mar 2022 / 00:17
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.