Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Pazo de Liñares teatraliza o centenario de Pardo Bazán

Acollerá os días 30 de maio e 13 de xuño visitas escenificadas a cargo de Fantoches Baj na honra desta muller comprometida

O Pazo de Liñares acollerá os domingos 30 de maio e 13 de xuño visitas escenificadas relacionadas co centenario de Emilia Pardo Bazán, no marco do programa de actos conmemorativos do 100 aniversario da morte desta muller referente en moitos eidos que tivo gran vinculación con Lalín e co pazo. Unhas visitas teatralizadas, promovidas pola Deputación en colaboración co Concello, que foron presentadas pola concelleira de Cultura, Begoña Blanco, e que serán a cargo da compañía Fantoches Baj, concretamente de Ignacio Vilariño e Larraitz Urruzola nos papeis de Emilia Pardo Bazán e de Amalio Taboada, herdeiro do Pazo de Liñares.

As dúas visitas escenificadas terán unha duración de unha hora e desenvolveranse, ambos días, ás 12.00 horas. O aforo estará limitado a 16 persoas e a inscrición deberá facerse a través de participa.cultura@depo.es. Desde a organización admítese un máximo de 3 reservas por persoa, indicando nomes e un teléfono de contacto. Cada visita farase con grupos de 4 persoas acompañadas cun actor/actriz. O público deberá permanecer coa máscara posta. Unha parte do espectáculo farase no xardín con cadeiras colocadas coa distancia oportuna, outra parte no salón grande da segunda planta tamén con cadeiras.

A teatralización iníciase en xullo de 1903 cando morreu Carlos Taboada propietario, ata ese intre, de Liñares, amigo íntimo de Emilia Pardo Bazán. Sitúan a escena nese ano imaxinando que a escritora se achegou ao Pazo para darlle o pésame á viúva e aos seus fillos e aparece un grupo de alumnos de Xeografía e Letras da Universidade de Compostela (o público), para coñecer in situ un dos mellores exemplos da arquitectura pacega do país, ao que a escritora chamaba “Palacio del Recuerdo”. Será Amalio Taboada, o herdeiro do pazo, quen llelo amose acompañado da propia Emilia Pardo Bazán, durante un tempo no que se mesturarán lembranzas, anécdotas e recreacións dalgún dos seus contos.

EXPOSICIÓN Emilia Pardo Bazán tivo unha considerable vinculación con Lalín, ao casar con dezaseis anos e medio con José Quiroga, da casa grande de Quintela de Catasós. Especialmente co Pazo de Liñares, xa que o matrimonio era amigo dos señores de Taboada de Prado, e onde Emilia Pardo Bazán pasou estancias e se di que escribiu varios episodios de Los Pazos de Ulloa. Ela mesma se refire a Liñares nos seus escritos como Palacio del Recuerdo.

Cómpre recordar que ata o vindeiro 31 de maio no vestíbulo do Concello se pode visitar a exposición As primeiras xornalistas, elas escribiron a historia, dedicada a doce mulleres que marcaron a historia de Galicia, entre as que se atopa Emilia Pardo Bazán. A exposición foi cedida ao Concello pola Secretaría Xeral da Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

A mostra achega de maneira visual e didáctica ao público a traxectoria de escritoras comprometidas coa modernización política, social e cultural de Galicia, e supón o merecido recoñecemento ao papel que xogaron as precursoras galegas da comunicación na loita pola igualdade.

15 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.