Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A actuación, que dirixe a arqueóloga Elena Cabrejas, busca determinar a súa relación coas estacións rupestres de Monte Xiabre // Está financiada polo Concello de Caldas TEXTO S. E.

O petróglifo da Laxe dos Bolos sométese á investigación científica

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), está a levar a cabo traballos de investigación no petróglifo da Laxe dos Bolos, en Caldas de Reis, como paso previo á súa posta en valor. A actuación, que se comezou a deseñar en decembro do pasado ano e está financiada integramente polo Concello, pretende determinar as chaves que relacionan este petróglifo coas estacións rupestres de Monte Xiabre e a paisaxe natural e cultural circundante.

A intervención está dirixida pola arqueóloga Elena Cabrejas e conta coa colaboración da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Saiar, propietaria dos terreos. A existencia do petróglifo da Laxe dos Bolos deuse a coñecer en 2001 por Pena Santos e Rey García mediante a publicación dun calco do mesmo. “A Xunta promoveu en 2007 un novo traballo no marco da Delimitación de Bens de Interese Cultural para un conxunto de petróglifos situados na provincia de Pontevedra baixo a coordinación de Manuel Santos Estévez, do Laboratorio de Patrimonio, Paleoambiente e Paisaxe, do IIT da USC, unidade asociada por entón ao CSIC a través do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento”, explica.

“Polo momento, hai bastantes lagoas no coñecemento de dito elemento e pouco se sabe acerca de cuestións como o seu paralelismo ou singularidade respecto a outros. Necesítase, por tanto, abordalo a través dun estudo interdisciplinar”, destaca a arqueóloga do CSIC.

“O que estamos a facer é abordar a realización dun rexistro 3D fotogramétrico detallado e xeorreferenciado do soporte e dos gravados, un estudo estilístico dos motivos e unha contextualización cronolóxica co fin de comprender as implicacións culturais, as singularidades e as relacións con outros elementos da contorna do petróglifo”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura de Caldas, María López, destacou a aposta do goberno municipal pola recuperación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico e histórico do municipio”. López adiantou que “o Concello ten previsto desenvolver neste xacemento diferentes actividades de divulgación e dinamización”. Así mesmo, o concelleiro delegado da parroquia de Saiar, Juan Carlos Ortigueira, sinalou que “para os veciños e veciñas é todo un orgullo contar cuns bens patrimoniais documentados e protexidos de tanto valor”.

17 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.