Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A Escola de Verán acolle a rapaces e rapazas de entre 3 a 12 anos e desenvolverase ata o mes de setembro // Os pequenos divírtense con xincanas ou quebracabezas // Este ano hai tamén unha andaina e unhas olimpíadas en miniatura TEXTO C. Estévez

O Pino: diversión para os nenos e conciliación para pais e nais

A chegada do verán implica vacacións escolares, diversión, bo tempo e liberdade. Non obstante, o que ás veces é fabuloso para os máis pequenos pode resultar un suplicio para aqueles pais e nais que ven realmente complicado cadrar axendas para poder conciliar as vacacións dos fillos co traballo. É por iso que é neste momento cando os campamentos se converten nun verdadeiro salvavidas.

O Concello do Pino ten en marcha a súa Escola de Verán, unha actividade financiada polo goberno local, a Xunta de Galicia e as cotas dos usuarios. O campamento acolle ao longo das súas seis quendas a máis de 150 nenas e nenos, todo unha axuda á conciliación laboral durante os meses de calor. Neste espazo a rapazada divírtese con actividades deportivas, xogos de estratexia, quebracabezas e manualidades durante o día.

Con motivo de apoiar esta socialización e adaptar mellor as actividades, os grupos divídense por idades da seguinte maneira: 3 a 5, 6 a 8 e 9 a 12 anos. Nos tres casos, a rutina é similar: a primeira hora as monitoras dirixen unha actividade de ximnasia musicalizada, que pode ser aerobic ou baile a modo de quentamento, co fin de que o alumnado se active e comezar unha intensa xornada de xogos que só se deterá durante as pausas para a merenda e o almorzo.

O calendario é flexible, adaptándose así ás necesidades da rapazada día a día. As diversas actividades funcionan a través dun sistema de incentivos no que participar en xogos ou gañar determinadas competicións outorga puntos, cos que logo se pode “pagar” por determinadas vantaxes como, mesmamente, elixir a actividade a realizar, aínda que hai dúas claras favoritas: brilé e carreiras. O fútbol tamén levanta paixóns, pero só entre unha parte do alumnado.

Ademais das actividades cotiás a Escola de Verán ten preparadas varias propostas especiais, sendo unha destas a andaina polo tramo do Camiño de Santiago que bordea o municipio, unha xincana de auga para suplir a excursión á piscina doutros anos e unhas olimpíadas en miniatura na que a rapazada deberá superar distintas probas deportivas para gañar.

A Escola de Verán está, así mesmo, preparada para atender nenos e nenas con necesidades especiais e posúe diversos protocolos de actuación especializados para adaptarse á diversidade funcional. Trata así de ser un espazo integrador no que todas e todos poidan divertirse e desfrutar do verán ao máximo.

ESPECTÁCULO. Por certo que dende o Concello anuncian que o espectáculo Camiñantes e cantantes cambia a súa localización e agora poderá verse en directo dende a Praza do Concello de Arca a partir das 21.00 horas (antes estaba fixado no campo da festa de Arca). Inspirado no Camiño de Santiago, Camiñantes e cantantes é un formato novidoso que aborda unha importante parte da cultura galega a través da música e o humor. O alcalde do municipio, Manuel Taboada, e a concelleira de Cultura, Eva Varela, consideran “fundamental apoiar estes formatos”, porque “a conservación do noso patrimonio cultural é unha obriga de cara ás xeracións máis novas”. Taboada Vigo incidiu na necesidade de manter vivas as tradicións máis enxebres da comarca, e aclarou que a verbena é unha parte moi importante da festa galega. Camiñantes e cantantes poderase ver tamén en directo a través de Anove TV ou a través da retransmisión en streaming dende o canle de Youtube de Anove TV. Estará protagonizado por La Ocaband, Pili Pampín, Lucía Pérez, Pepo Suevos e Manuel Manquiña.

09 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.