Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O concello de Melide daralle a benvida ao novo ano coa carreira San Silvestre Solidaria esta tarde // En Arzúa, Trazo e Tordoia os Reis percorrerán as parroquias TEXTO C. Estévez

O Pino recibiu o 2023 cunha festa para os nenos

Remata o 2022 e os concellos da comarca de Ordes-Arzúa teñen preparados distintos eventos para comezar o 2023 con todas as gañas e para pechar a época de Nadal, un tempo marcado pola familia, os agasallos, as comidas e as actividades que os concellos organizan para os máis pequenos con ánimo de axudar a conciliar a pais e nais.

Pola súa parte, Melide decidiu entrar de cheo no ano 2023 da man do deporte. A asociación deportiva Cerne organiza esta tarde na praza do Convento a carreira San Silvestre Solidaria. A dos nenos está prevista para as 16.30 horas e a dos adultos para as 17.00 horas. Non faltará a tradicional Cabalgata de Reis, que sairá o día 5 de xaneiro do pazo de congresos ás 17.30 horas.

Arzúa comeza o ano con novas actividades dirixidas aos máis pequenos da casa co obxectivo de que se poidan entreter durante as vacacións escolares e para que as familias poidan conciliar. Os vindeiros días 3 e 4 de xaneiro o multiúsos acollerá un parque de inchables e obradoiros en horario de 17.00 a 20.00. E o 5 de xaneiro a programación de Nadal pecharase coa Cabalgata de Reis que recuperará o seu formato tradicional percorrendo as rúas da vila. Os Reis Magos realizarán a ruta dende a casa da cultura ata o multiúsos Terra do Queixo, acompañados de animación, agasallos e moitas sorpresas. A saída da comitiva será ás 17.00 e rematará coa recepción a todas as nenas e nenos da vila por parte das Súas Maxestades.

En Trazo os cativos xa agardan con ilusión a chegada de Melchor, Gaspar e Baltasar. Dende as 09.30 horas os Reis irán percorrendo as diferentes parroquias da vila ata chegar ás 17.30 horas ao pavillón municipal. Alí os cativos desfrutarán dunha chocolatada e de inchables ata as 20.00 horas. O mesmo acontece en Tordoia, onde os Reis comezarán visitando Bardaos ás 10.30 horas e coninuarán por Tordoia, Andoio e Anxeriz. Pola tarde seguirán por Viladabade, Castenda, Leobalde, Numide, Gorgullos e finalmente chegarán a Cabaleiros sobre as 18.45 horas. Haberá un agasallo para todos os nenos e nenas que se acheguen a velos.

No Pino a cativada xa despediu este venres o 2022 cunha festa de fin de ano no auditorio municipal. Foi unha actividade na que a música foi a protagonista e nenas e nenos tomaron gusanitos (en vez de uvas) a ritmo dunhas badaladas moi especiais. Houbo baile e xogos.

A cativada de Frades tamén ten anotada na axenda a visita a Melchor, Gaspar e Baltasar. Sairán ás 16.00 horas a facer un percorrido polas rúas de Ponte Carreira. E ás 17.00 celebrarase unha gran festa no polideportivo municipal con recepción dos Reis, inchables, animación, bailes, xogos, canón de neve, obradoiros, mascotas, lambonadas e chocolate con roscón. O 2023 chega cargado de eventos.

31 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.