Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A Deputación coruñesa facilita a execución de 91 obras // Financia servizos básicos como o alumeado ou a recollida de lixo // Existe unha partida para gasto social co obxectivo de paliar os efectos da crise sanitaria provocada pola pandemia TEXTO M. Boo

O Plan Único deixa 22,8 millóns nos concellos da comarca santiaguesa

O Plan Único (POS+2021) da Deputación da Coruña alcanzará este ano os 22,8 millóns de euros investidos nos concellos da comarca de Santiago, dos que achega case 3,8 millóns de euros aos 26 concellos da comarca para paliar os efectos sociais provocados pola pandemia e protexer aos colectivos máis vulnerables.

As contías repartidas nos diferentes municipios oscilan entre os 65.421 euros de Dodro e os 320.521 euros que recibe Santiago. Reforzo do persoal adscrito aos servizos sociais e axuda no fogar, creación de axudas para a cobertura de necesidades básicas como vivenda, alimentación, gastos médicos e farmacéuticos ou escolarización dos colectivos máis vulnerables son algunhas das cuestións ás que os concellos están a destinar estes fondos.

Concellos como Santiago de Compostela destinan parte do Fondo Social do Plan Único a financiar o Servizo Municipal de Emerxencias Sociais (Semus) que presta axuda inmediata en caso de urxencias no eido da atención social, mesmo durante os festivos e fins de semana.

Dentro do plan, a Deputación permitirá que os 26 concellos da comarca poidan levar a cabo un total de 91 obras de humanización de rúas e espazos públicos, mellora nas redes de iluminación e saneamento, renovación de estradas, actuacións en instalacións municipais ou accións para incrementar a seguridade peonil, entre outras.

Destacan grandes investimentos, como os 268.000 euros para ampliar a plataforma viaria entre Cañoteira e Outeiro (Santiago), os 263.514 euros para pavimentar e sinalizar a estrada de Outeiro e Boaña de Abaixo (Santa Comba), os 273.896 euros para o camiño da Chan a Escola (Ordes) ou os 230.384 € para a reurbanización do núcleo de Castro (Teo), pero tamén pequenas obras que contribúen a dotar de servizos básicos a moitos núcleos rurais e a mellorar a vida dos seus habitantes.

Os municipios destinan este ano 356.777 euros para a redución da débeda, 298.424 euros para pagos a provedores e case 5,1 millóns de euros para gasto corrente, co que se financian servizos básicos municipais importantes para a cidadanía, como poden ser a iluminación pública ou a recollida de lixo.

A través do Plan Adicional tamén se financiarán investimentos por importe de 6,7 millóns de euros.

O Plan Único ofrece aos concellos total liberdade á hora de decidir en que investir os fondos que lles achega a Deputación, cunha distribución que se basea en criterios obxectivos, como a poboación, a superficie, o número de parroquias ou o esforzo fiscal de cada municipio.

O investimento do Plan Único na comarca santiaguesa, concello a concello, é o seguinte: Ames (2.158.578 euros, dos que 1.150.395 son para investimentos), Arzúa (1.148.174 euros, dos que 222.301 son para investimentos), A Baña (744.178 euros, dos que 317.182 son para investimentos), Boqueixón (821.054 euros, dos que 263.997 son para investimentos), Brión (859.108 euros, dos que 240.078 son para investimentos), Dodro (343.786 euros, dos que 53.596 son para investimentos), Frades (639.942 euros, dos que 96.714 son para investimentos), Melide (1.129.132 euros, dos que 268.454 son para investimentos), Negreira (915.492 euros, dos que 136.183 son para investimentos), Ordes (1.596.626 euros, dos que 475.795 son para investimentos), Oroso (1.078.106 euros, dos que 389.019 son para investimentos), Padrón (703.965 euros, dos que 333.275 son para investimentos), O Pino (859.649 euros, dos que 125.698 son para investimentos), Rois (718.282 euros, dos que 121.048 son para investimentos), Santa Comba (1.470.883 euros, dos que 752.576 son para investimentos), Santiago (2.105.590 euros, dos que 694.008 son para investimentos), Teo (1.472.904 euros, dos que 486.215 son para investimentos), Tordoia (779.922 euros, dos que 152.447 son para investimentos), Touro (916.751 euros, dos que 253.473 son para investimentos), Trazo (804.143 euros, dos que 345.246 son para investimentos), Val do Dubra (925.363 euros, dos que 310.423 son para investimentos) e Vedra (633.654 euros, dos que 80.627 son para investimentos).

O protagonista
“Impulsará a reactivación económica”
Valentín González Formoso
Presidente da Deputación
da Coruña

O presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, remarcou a utilidade deste programa para “mellorar infraestruturas e servizos”, aínda que o Plan Único do organismo provincial coruñés non se limita simplemente a iso, senón que tamén xogará un papel fundamental, a xuízo do dirixente socialista, para “dar apoio no eido social ante as necesidades derivadas da crise sanitaria e impulsar a reactivación social e económica nos municipios da provincia”.

{ as miñas cousas }
A razón de ser
M. Boo

o papel das deputacións acapara os debates de cando en vez pola conveniencia da súa existencia. Pero cando chegan os investimentos destes plans provinciais enténdese mellor a súa razón de ser. Os municipios pequenos non poderían afrontar investimentos de obras necesarias nas parroquias, ou a construción de redes de saneamento e de abastecemento sen as axudas que chegan dunha institución que mesmo permite destinar parte dos fondos á amortización da dábeda. É máis: as obras fanse a proposta dos propios concellos, onde moitas veces as discusións provocan situacións surrealistas e ata a ameaza de quedar sen os fondos por intereses políticos ou persoais. A Deputación da Coruña non entende desas cousas. O único que quere é axudar a todos os municipios. E faino ben.

21 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.